Igrexa de Inglaterra Church of England | |
---|---|
Historia | |
Fundación | 1534 |
Motivo | O Rei Henrique VIII separou a Igrexa da Santa Sé logo dunha disputa pola negativa da anulación do seu casamento con Catarina de Aragón |
Separada de | Igrexa católica latina |
Escisións | Igrexa en Gales |
Parte de | Comuñón Anglicana |
Goberno | |
Tipo de goberno | Episcopal |
Gobernadora Suprema | Isabel II |
Primado | Justin Welby |
Estrutura | Dividida en 44 dioceses |
Agrupacións | Comuñón de Porvoo |
Clasificación | |
Grupo | Anglicanismo |
Orientación | Cristianismo occidental |
Demografía e cultura | |
Fieis | 27 000 000 |
Países | Inglaterra, Illa de Man, Illas da Canle, Xibraltar, Europa continental |
Linguas litúrxicas | Inglés |
Outros datos | |
Sede central | Londres |
Páxina web | churchofengland.org |
A Igrexa de Inglaterra é unha igrexa cristiá anglicana, que ten a condición de relixión de estado de Inglaterra e é igrexa nai da Comuñón Anglicana. A cabeza espiritual da Igrexa é o arcebispo de Canterbury que o é tamén da Comuñón Anglicana. O monarca británico ten o título constitucional de Gobernador Supremo da Igrexa de Inglaterra. O Sínodo Xeral é o corpo que goberna a Igrexa de Inglaterra, as súas medidas teñen que ser aprobadas polo Parlamento do Reino Unido antes de recibir o plácet real e converterse en parte da lei inglesa. Ademais de Inglaterra ten xurisdición sobre a Illa de Man, Illas da Canle, algunhas parroquias de Flintshire (Gales) e Xibraltar que como diocese cobre toda Europa e conta con 200 lugares de culto. A Igrexa de Inglaterra considérase dentro da tradición reformada, xa que acepta moitos dos principios que levou á separación dos protestantes e en non recoñecer a autoridade do Papa, e tamén dentro da tradición católica (mais non católica romana) xa que se considera continuadora da tradición apostólica. Establece a Biblia como única fonte de fe, admite a súa libre interpretación e afirma o carácter subxectivo dos sacramentos.
A reforma relixiosa produciuse en Inglaterra polo interese da monarquía de subordinar os intereses eclesiásticos aos políticos sen a interferencia do papado. A ruptura produciuse en 1534 ao negarse o Papa a anular o matrimonio de Henrique VIII. María I de Inglaterra retornou á obediencia a Roma en 1555 e desencadeou unha violenta persecución contra os non católicos, a situación deu a volta no reinado de Isabel I de Inglaterra a partir de 1558.