Joanne «Jo» Rowling, nada o 31 de xullo de 1965[1] en Yate, South Gloucestershire, Reino Unido, máis coñecida polos pseudónimos J. K. Rowling[2] e Robert Galbraith,[3] é a autora da serie de libros de fantasía Harry Potter e a serie de detectives de Cormoran Strike. Os seus libros fixéronse famosos en todo o mundo, gañaron múltiples premios e venderon máis de 400 millóns de copias.[4] As novelas foron a base dunha popular saga de filmes, a cuxos guións Rowling daba a súa aprobación,[5] ademais de manter un control creativo e ser produtora dos filmes.[6]
Rowling artellou a idea da serie nunha viaxe en tren de Manchester a Londres en 1990.[7] En marzo de 2011, a revista Forbes estimou que a fortuna de Rowling ascendía a mil millóns de dólares estadounidenses.[8] A escritora obtivo o Premio Príncipe de Asturias da Concordia no ano 2003, así como outros recoñecementos internacionais. Colabora con varias organizacións caritativas, como Comic Relief, One Parent Families,[9] Multiple Sclerosis Society of Great Britain[10] e Lumos.