Karate

Karate
Hanashiro Chomo
Información xeral
Lugar de orixe Xapón
CreadorPeichin
Técnica principalAtemi waza
Técnica secundariaNage waza
Grafia
TraduciónCamiño das mans baleiras
Outros nomesToshu
Todejutsu
Tuidi
relación con outras artes marciais
AntecedentesTe
Okinawa-te
InfluenteChuan fa

Karate (en xaponés: 空手), ou karatedo (空手道), é unha arte marcial xaponesa e un deporte de combate orixinario de Okinawa, que se desenvolveu con base na arte marcial nativa da rexión baixo as influencias do chuan fa, de orixe chinesa,[1][2] e das escolas xaponesas tradicionais de arte marcial, chamadas koryu, que practicaban loita desarmada e armada, principalmente con espadas. Neste proceso, cando a influencia xaponesa se tornou preponderante, fóronse incorporando máis características do código de conduta dos samurais, o Budo.[3]

A influencia chinesa foi maior nun primeiro estadio de desenvolvemento, cambiando un paradigma primitivo dunha loita simple con agarramento e proxeccións, con máis énfase nos golpes traumáticos, e fíxose sentir nas técnicas dos estilos máis fluídos e pragmáticos da China meridional.[4] Despois, en razón do cambio do escenario xeopolítico, comezou o tempo de predominio das disciplinas de combate do Xapón e, nese período, o máis común era simplificar aínda máis os movementos de orixe do chuan fa, facéndoos máis directos e renunciando a aquilo que non fose útil, como movementos acrobáticos ou que eran executados máis por razóns estéticas.[3]

O repertorio de técnicas do karate reúne principalmente golpes contundentes (atemi waza), como patadas, sopapos, xeonlladas etc., executados todos coas mans desarmadas. Porén, técnicas de proxección, inmobilización e bloqueos (nage waza, katame waza, uke waza) tamén poden ser ensinadas, con maior ou menor importancia dependendo de onde se practica e quen é o instrutor.[5]

Grosso modo, pódese afirmar que a evolución desta arte marcial foi conducida por grandes mestres, que a formaron e asentaron seus principios, rematando no karate moderno. O paradigma tradicional de ensino era da maneira xaponesa, con base nos kata (secuencia de técnicas, simulando loita con varias aplicacións prácticas). Mais o modelo que se fixou e rexe ata hoxe baséase en tres piares: kihon (técnicas básicas), kata e kumite (enfrontamento en si, que pode ser simple simulacro ou darse de forma deportiva e competitiva ou máis próxima á realidade).[6]

Existen moitos estilos e escolas de karate, e iso foi resultado do seu proceso de desenvolvemento. Aconteceu que, no albor desta arte marcial, era practicada segundo tres estilos distintos: Naafadii, Suidi e Tumaidi, practicados respectivamente nas tres cidades da maior illa do arquipélago de Okinawa, coas súas idiosincrasias, que os tornaban máis ou menos diferentes. Despois, esta circunstancia acentuouse no que acabou resultando en practicamente incontábeis variacións e (sub)variacións.[7]

O estadio da transición entre os séculos XX e XXI revela que a maioría das escolas de karate deu énfase á evolución do condicionamento físico, desenvolvendo velocidade, flexibilidade e capacidade para participar en competicións de deporte de combate, quedando relegada a aquelas poucas escolas tradicionalistas a práctica de exercicios máis rigorosos, que teñan como obxectivo desenvolver a resistencia dos membros, e de probas de rompemento de táboas de madeira, ladrillo ou xeo. Basicamente, existen dúas tendencias: unha que desexa preservar os caracteres marcial e filosófico do karate, e outra na que as características deportiva e lúdica son meirandes e importantes.[8]

Durante as dúas primeiras décadas do século XX, o proceso de segmentación do karate en diversas escolas distintas fíxose definitivo, aparecendo diversas asociacións, ata unhas dentro doutras, coa intención de difundir o seu modo peculiar de entender e ensinar as técnicas, a pesar de posuíren todas elas semellanzas e case as mesmas orixes. Tal circunstancia foi combatida por grandes mestres, mais acabou quedando e xerou como consecuencia a falta de estandarización e entendemento entre as moitas entidades e practicantes. De aí, aínda que aceptado mundialmente como deporte, ata clasificado como deporte olímpico e estando presente nos Xogos Panamericanos, non hai un sistema unificado de valoración para as competicións, ocasionando moita dificultade para a súa aceptación coma deporte de competición nos Xogos Olímpicos.[9]

A pesar da enorme fragmentación, os moitos estilos buscan aínda seguir un modelo pedagóxico relativamente común. E neste ámbito, distínguese o simple practicante daquel estudoso dedicado, chamado karateka, porque este busca desenvolver disciplina, filosofía e ética, alén de só aprender os golpes. Aquel karateka que alcanza o grao de cinto negro chámase sensei. E os lugares de aprendizaxe son chamados dojo, sendo estes case sempre afiliados a algún estilo.

  1. Higaonna, Morio (1985). Traditional Karatedo Vol. 1 Fundamental Techniques. p. 17. ISBN 0-87040-595-0. 
  2. "History of Okinawan Karate". 2 de marzo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 2 de marzo de 2009. Consultado o 14 de marzo de 2013. 
  3. 3,0 3,1 Lowry, Dave (2009). Shambhala, ed. The Karate Way: Discovering the Spirit of Practice (en inglés). Boston. p. 8. ISBN 1590306473. 
  4. Higaonna, Morio (1985). Traditional Karatedo Vol. 1 Fundamental Techniques (en inglés). p. 17. ISBN 0-87040-595-0. 
  5. "What is Okinawa Goju Ryu Karate-Do? - Wakefield Traditional Karate Association" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2013. Consultado o 23 xaneiro 2014. 
  6. Stanić Miloš. "Okinawan Bubishi" (PDF) (en inglés). Consultado o 23 de novembro de 2014. 
  7. Bishop, Mark (1999). Tuttle, ed. Okinawan Karate: Teachers, Styles and Secret Techniques (en inglés). North Clarendon. ISBN 0804832056. 
  8. Pawlett, Ray (2008). The Karate Handbook (en inglés). New York: Rosen. p. 38. 
  9. "What the Olympics Will Bring to Karate" (en inglés). Consultado o 23 xaneiro 2014. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy