Kim Il-sung (en coreano: 김일성), nado o 15 de abril de 1912 en Mangyŏngdae e finado o 8 de xullo de 1994 en Pyongyang, foi un político comunista norcoreano, gobernante de Corea do Norte dende 1948 ata a súa morte. Ademais, foi tamén secretario xeral do Partido dos Traballadores de Corea.
O seu mandato como líder da República Democrática de Corea foi a miúdo descrito como autocrático, estabelecendo un omnipresente culto a súa personalidade. Dende mediados de 1960 promoveu o seu propio desenvolvemento da organización nacional comunista, o Juche. Nun estudo elaborado pola Biblioteca do Congreso de Washington, D.C. sobre Corea do Norte en 2009, foi descrito como "unha das figuras máis interesantes do século XX".
Trala súa morte en 1994, foi sucedido polo seu fillo Kim Jong-il. Corea do Norte refírese oficialmente a Kim Il-sung como o "Gran Líder" (en coreano: 수령, Suryong) e é chamado na Constitución "Líder Eterno" do país. O seu aniversario é día festivo en Corea do Norte.