Republika e Kosovës (sq) Република Косово (sr-cyrl) Republika Kosovo (sr-latn) | |||||
Himno | Europa (11 de agosto de 2008) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Territorio reivindicado por | Província Autônoma de Kosovo e Metohija (pt) | ||||
Capital | Pristina | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.883.018 (2016) (172,61 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua albanesa lingua serbia | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 10.909,02992 km² | ||||
Punto máis alto | Gjeravica (2.656 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 17 de febreiro de 2008 | ||||
Evento clave
| |||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | República parlamentaria | ||||
• Presidente (pt) | Vjosa Osmani (2021–) | ||||
Órgano executivo | Governo do Kosovo (pt) | ||||
• Primeiro-ministro (pt) | Albin Kurti (2021–) | ||||
Órgano lexislativo | Assembleia do Kosovo (pt) , (Escano: 120) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 9.412.034.299 $ (2021) | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | sen valor | ||||
Prefixo telefónico | +383 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 | ||||
Código de país | XK e sen valor | ||||
Páxina web | rks-gov.net | ||||
Kosovo[1] (en albanés, Kosova ou Kosovë; en serbio, Косово), oficialmente República de Kosovo (en albanés, Republika e Kosovës; en serbio, Република Косово), é un estado parcialmente recoñecido situado no centro da península dos Balcáns, ao sueste de Europa. Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia de Serbia o 17 de febreiro de 2008,[2] e dende entón, obtivo o recoñecemento diplomático como estado soberano por parte de 101 estados membros da ONU. Limita con Serbia ao norte e ao leste, con Macedonia do Norte ao sueste, con Albania ao suroeste e con Montenegro ao noroeste. Abrangue unha superficie de 10 980 km2 e posúe unha poboación estimada de 1 806 279 (2022). A súa capital e cidade máis poboada é Pristina,[3] seguida por Prizren e Ferizaj.
Na antigüidade, a tribo central que xurdiu no territorio de Kosovo foi a dos dárdanos, que formaron un sistema político independente coñecido como o Reino de Dardania no século -IV. O Imperio Romano anexionouno no século -I, e durante o seguinte milenio o territorio seguiu formando parte do Imperio Bizantino, cuxo dominio viuse alterado polas invasións eslavas a partir do século VI-VII. Nos posteriores séculos, o control da zona alternouse entre os bizantinos e o Primeiro Imperio Búlgaro. No século XIII, Kosovo converteuse no núcleo do estado medieval serbio, sendo tamén a sede da Igrexa Ortodoxa Serbia dende o século XIV, cando o seu status foi elevado a patriarcado.[4] A expansión otomá nos Balcáns a finais do século XIV e XV provocou o declive e a caída do Imperio Serbio; a batalla de Kosovo de 1389 considerase un dos momentos decisivos na historia medieval serbia. Os otománs conquistaron totalmente a rexión trala Segunda batalla de Kosovo. O Imperio Otomán gobernou a zona durante case cinco séculos, ata 1912.
Despois da primeira guerra balcánica (1912-1913) Kosovo integrouse no Reino de Serbia. A constitución de Iugoslavia, fundada despois da primeira guerra mundial, recoñeceu á provincia Autónoma Socialista de Kosovo e Metohija (en serbio: Аутономна Покрајина Косово и Метохија, Autonomna Pokrajina Kosovo i Metohija) dentro da República Iugoslava de Serbia.
As longas tensións étnicas entre os albaneses de Kosovo (un 88% da poboación segundo datos de 2003) e as poboacións serbias deixaron un Kosovo etnicamente dividido, o que deu lugar a episodios de violencia interétnica, incluíndo a guerra de Kosovo de 1999. Esta guerra rematou coa aceptación por parte da República Federal de Iugoslavia de dar fin ao exercicio da súa soberanía á espera dunha resolución sobre o estatuto final. En virtude da resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, o goberno pasou ás mans da ONU coa administración da MINUK.
A primeira declaración da independencia da República de Kosovo tivo lugar en 1990, pero non foi recoñecida, agás por Albania. O 17 de febreiro de 2008 a República de Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia como Estado propio. A República mantén o control sobre a maioría do territorio, excepto zonas como Kosovo do Norte, o maior enclave serbio baixo control das institucións da República de Serbia (ou outras estruturas paralelas subvencionadas polo goberno serbio). A República de Kosovo está recoñecida por 98 estados membros das Nacións Unidas, entre eles os Estados Unidos, Xapón e até 22 membros da Unión Europea. Serbia, ademais doutros Estados, non recoñece a secesión kosovar e considera ao territorio unha entidade gobernada pola ONU dentro da súa soberanía, malia declarar a Corte Internacional de Xustiza que a conversión en Estado de Kosovo non vulnera a legalidade internacional.