La maja desnuda

La maja desnuda
ArtistaFrancisco José de Goya y Lucientes
Data1790 - 1800
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións97 cm × 190 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

La maja desnuda (literalmente en galego: A bela núa) é unha das máis célebres obras de Francisco José de Goya y Lucientes. O lenzo é unha obra de encarga pintada antes de 1800, no período entre 1790 e 1800, data da primeira referencia documentada da obra [1]. Posteriormente formou parella con La maja vestida, datada entre 1802 e 1805 [2], probablemente por requirimento de Manuel Godoy, xa que consta que formaron parte dun gabinete da súa casa.

En ámbalas dúas pinturas, retrátase de corpo enteiro a unha mesma muller recostada placidamente nun leito e ollando directamente cara ao observador. Non se trata dun nu mitolóxico, senón dunha muller real, contemporánea a Goya, e incluso na súa época foi coñecida coma A Xitana. A primacía temporal de La maja desnuda indica que, no momento de ser pintado, o cadro non estaba pensado para formar parella con ningunha outra obra.

Especulouse coa posibilidade de que a retratada fora a Duquesa de Alba, pois á súa morte tódolos seus cadros pasaron a ser propiedade de Godoy, a quen se sabe que pertenceron as dúas “majas”, de forma semellante ao acontecido coa Venus do espello de Velázquez. Porén, non existen probas definitivas de que esa face pertenza á duquesa nin de que a obra non puidera chegar a Godoy por outros camiños, incluso, polo dun encargo directo a Goya.

  1. [A primeira mención de La maja desnuda aparece no diario de Pedro González de Sepúlveda, gravador e académico, que refire que forma parte da colección de pintura de Manuel Godoy en 1800. Cit. por Juan J. Luna, La maja desnuda, 1996.]
  2. [Juan J. Luna, art. cit., 1996.]

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy