Lagos (en yoruba: Èkó) é a cidade máis poboada de Nixeria e de África, cunha poboación estimada de 21 millóns de persoas[1] en 2015. A poboación estimada da cidade de Lagos foi de máis de 24 millóns en 2022; e ao redor de 30 millóns para a área metropolitana de Lagos, incluída a área suburbana que se interna no veciño estado de Ogun, facendo de Lagos a área urbana máis poboada de África.[2] Lagos foi a capital nacional de Nixeria ata decembro de 1991, despois da decisión do goberno de Nixeria de trasladar a súa capital a Abuja, no centro do país. Lagos é un importante centro financeiro africano e é o centro económico do estado de Lagos e de Nixeria en xeral. A cidade foi descrita como a capital cultural, financeira e do entretemento de África, e ten unha influencia significativa no comercio, tecnoloxía, educación, política, turismo, arte e moda. Lagos tamén está entre as dez cidades e áreas urbanas de máis rápido crecemento do mundo.[10][11] A megacidade ten o cuarto PIB máis alto de África[12][13] e conta cun dos portos marítimos máis grandes e concorridos do continente.[14][15][16] A área metropolitana de Lagos é un importante centro educativo e cultural da África subsahariana.[17] Debido á gran poboación urbana e aos volumes de tráfico portuario, Lagos está clasificada como unha megacidade portuaria.[18]