Lebor na hUidre | |
---|---|
Lingua | Lingua irlandesa media |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Lebor na hUidre, ou Libro da Vaca Parda, é un manuscrito irlandés que data de principios do século XII, que contén documentos sobre a orixe mítica de Irlanda. O seu título fai referencia ao animal dun monxe da abadía de Clonmacnoise, San Ciarán. Inclúe historias do Ciclo do Ulster (incluíndo a versión máis antiga do Táin Bó Cúailnge), o Ciclo Feniano, o Ciclo Mitolóxico e o Ciclo Histórico da mitoloxía céltica irlandesa, así como textos relixiosos e históricos. Pertence á Real Academia Irlandesa desde 1844, tras ter estado gardado nunha biblioteca privada. Está en mal estado: só quedan sesenta e sete páxinas e moitos textos están incompletos.
Este manuscrito foi escrito no mosteiro de Clonmacnoise, condado de Offaly, e é obra de tres escribas: Máel Muire mac Célhair (referido como "M") e un segundo escriba (referido como "AT”) escribiron o manuscrito orixinal, traballando á par. Polos anais irlandeses sábese que Máel Muire morreu durante a incursión dos viquingos sobre Clonmacnoise en 1106, o que permite establecer que este texto é anterior a esa data. Un terceiro escriba, chamado "H", engadiu unha serie de textos e pasaxes ás veces en páxinas novas, borrando certas textos do orixinal. Estas incorporacións e retiradas datan de finais do século XII ou do XIII, e sen dúbida antes de 1359, cando o manuscrito foi usado como rescate para liberar a varios membros da familia O'Donnell de Donegal, encarcerados baixo as ordes de Cathal Óg O'Connor de Sligo.