Lente gravitacional

Esquema de lente gravitacional. A imaxe (a luz) dos obxectos distantes dóbrase en forma de arcos rodeando o obxecto masivo intermedio-que fai de lente-.
Efecto de lente gravitacional observado polo telescopio espacial Hubble. A lente está formada polo cúmulo de galaxias Abell 1689. Ampliada mostra arcos de galaxias afastadas.

En astronomía, astrofísica e cosmoloxía física, unha lente gravitacional, ou lente gravitatoria, formase cando a luz procedente de obxectos distantes e brillantes coma os quásares dobrase arredor dun obxecto masivo (como unha galaxia masiva) situado entremedias do obxecto emisor e o observador da imaxe.

As lentes gravitacionais foron previstas pola teoría da relatividade xeral de Einstein. No ano 1919 púidose probar a exactitude da predición. Durante unha eclipse solar o astrónomo Arthur Eddington observou como se dobraba a traxectoria da luz proveniente de estrelas distantes ao pasar preto da masa solar, producindo un desprazamento aparente da posición da estrela no ceo. Asemade, as lentes gravitacionais poden producir varias imaxes dun mesmo obxecto en posicións aparentes diferentes, ou un halo. Os eventos ou fenómenos de lentes gravitacionais pódense utilizar para detectar a presenza de obxectos masivos invisíbeis, como buratos negros e tamén de planetas extrasolares. Asemade, están a ser empregadas para o estudo da concentración de materia escura.[1]

Os eventos de lente gravitacional clasifícanse en tres grupos:

  1. Lente gravitacional forte: distorsións facilmente visibles: aneis e cruces de Einstein, arcos e múltiples imaxes.
  2. Lente gravitacional débil: distorsión débil dos obxectos de fondo, pódese detectar unicamente analizando un gran número de imaxes dos obxectos de fondo.
  3. Microlente gravitacional: sen distorsión aparente na forma do obxecto de fondo pero con variacións débiles na intensidade da luz emitida polos obxectos de fondo.

Unha lente gravitacional actúa en todo tipo de radiación electromagnética e non só en luz visible. De feito, este tipo de lentes carecen de aberración cromática, polo que o seu efecto non depende da lonxitude de onda da luz sobre da que actúan, senón que é igual para tódolos rangos do espectro electromagnético, sexa este óptico, infravermello, ultravioleta ou calquera outro. Isto permite poder analizar os obxectos amplificados pola lente mediante as técnicas habituais de fotometría ou espectroscopía astronómicas. Eventos de lentes gravitacionais téñense proposto no ámbito da radiación de fondo cósmico de microondas, de radio e raios x.

  1. Collins, Nathan. "A powerful new tool to study the cosmos". symmetry magazine (en inglés). Consultado o 2020-11-09. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy