Levantamento do 2 de maio

Monumento aos Heroes do Dous de Maio, inaugurado en Madrid en 1840.

O Levantamento do 2 de maio foi un alzamento de carácter popular e militar que tivo lugar en Madrid en 1808 contra os ocupantes franceses, que se saldou cuns fusilamentos masivos por parte das tropas napoleónicas no día seguinte. Neste contexto revolucionario xorden, entre maio e xuño, Xuntas en moitas capitais de provincia de España, cada unha cos seus exércitos, os seus depósitos de armas e de provisións e coas súas finanzas.

O afrancesamento do Consello de Castela, que aceptou nun primeiro momento o mandato de Napoleón Bonaparte, provocou conflitos ideolóxicos coas Xuntas, cuxo poder aumentaba á par do apoio do pobo, até que, finalmente, o Consello debeu resignarse a que foran estas, máis numerosas, as que ostentaran a soberanía.

Pouco antes, o 10 de abril, constituírase unha Xunta Suprema de Goberno como representación do rei Fernando VII mentres durase a viaxe que emprendera a Francia. Porén, o poder efectivo quedara nas mans de Joachim Murat, cuñado e Lugartenente en España de Napoleón, que reducira a Xunta a un mero monicreque, simple espectador dos acontecementos.

O 27 de abril, Murat solicitou, supostamente en nome de Carlos IV, a autorización para o traslado a Baiona dos dous fillos deste que aínda quedaban na cidade, María Luísa, raíña de Etruria, e o infante Francisco de Paula.

Aínda que a Xunta se negou inicialmente, tras unha reunión na noite do 1 ao 2 de maio, e ante as instrucións de Fernando VII chegadas a través dun emisario desde Baiona, finalmente cedeu.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy