A Liga Lombarda foi unha alianza establecida o 1 de decembro de 1167 entre 26 Cidades Opositoras do Norte de Italia, entre as que salientan Milán, Cremona, Mantua, Bérgamo, Brescia, Piacenza, Boloña, Padua, Treviso, Vicenza, Verona, Lodi , Parma e Venecia. Posteriormente uníronse outras catro cidades máis, ata formar un total de 30.
O propósito inicial da Liga era combater a política de Frederico I, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, que naquel momento reclamaba o control total sobre o norte de Italia. Tras deixar claras as súas premisas na Dieta de Rocaglia, Frederico I invadiu Italia en 1158 e logo outra vez en 1166. A Liga recibiu o soporte incondicional do Papa Alexandre III e os seus sucesores, desexosos tanto de verse libres da influencia imperial como de aumentar o seu poder na Península Itálica. Na Batalla de Legnano (29 de maio de 1176), as tropas imperiais foron derrotadas e Frederico viuse forzado a asinar unha tregua de seis anos (1177-1183). A situación resolveuse ao finalizar esta, cando ambas partes asinaron o Tratado de Constanza, segundo o cal as cidades italianas recoñecían a soberanía do emperador de Alemaña, pero pola súa vez este se vía obrigado a recoñecer a xurisdición propia de cada cidade sobre si mesma e o seu territorio circundante.
A Liga Lombarda proclamouse de novo en 1198 e 1208. En 1226, a liga mantivo unha cruenta guerra co emperador Frederico II, ao que logrou frear nos seus intentos por poñer Italia baixo a súa completa autoridade. Este gañouse a súa reputación de hábil estratego trala toma de Vicenza e a súa vitoria na Batalla de Cortenuova, e rexeitouse calquera iniciativa da Liga que non fose a rendición incondicional. A resultas diso, Milán (que ofrecera unha forte suma de ouro a cambio da paz, que Frederico rexeitou), Brescia, Boloña e Piacenza ofreceron unha tenaz resistencia. En 1238, a Liga Lombarda conseguiu erguer o asedio imperial sobre Brescia, pero fallou no seu intento de rodear ao emperador e capturalo. Non obstante, conseguiu recuperar unha pequena vantaxe ao gañar o soporte, unha vez máis, do Papado, o que lle permitiu bloquear as accións de Frederico II en Italia ata a morte deste en 1250. Tras este feito, a Liga volveuse a disolver, esta vez de forma definitiva.
En memoria desta asociación, un partido político italiano adoptou o nome de Lega Lombarda en 1984. Esta denominación mantívose ata 1991, cando o nome foi cambiado polo de Liga Norte (Lega Nord).