Lingua irlandesa antiga

Irlandés antigo é o nome dado á forma máis antiga da lingua irlandesa, ou, mellor, as linguas goidélicas, para as que temos extensos textos escritos. Empregouse desde o século VI ao X, cando evolucionou ao irlandés medio.

Unha forma aínda máis antiga de Irlandés é coñecida como irlandés primitivo. Coñécense fragmentos de irlandés primitivo, especialmente nomes persoais, polas inscricións sobre pedra escritas no alfabeto oghámico. Estas inscricións datan de sobre os séculos IV a VI. O irlandés primitivo está aínda moi próximo do celta común, o devanceiro de todas as linguas célticas.

O irlandés antigo aparece por primeira vez nas marxes de manuscritos relixiosos latinos do século VI. Un amplo número de antigos textos literarios irlandeses, malia estaren conservados en manuscritos do período do Irlandés medio (como o Lebor na hUidre e o Libro de Leinster), teñen o carácter esencial de irlandés antigo.

O irlandés antigo é o devanceiro de irlandés moderno, gaélico escocés, e manx (falada na Illa de Man). Con todo, é moi diferente destas. Falando en xeral, a gramática e os sons das linguas modernas son máis simples cós do irlandés antigo.

Os estudos actuais do irlandés antigo débenlle aínda moito ás obras dun pequeno grupo de estudosos activos a finais do século XIX e principios do XX, entre eles Rudolf Thurneysen (1857-1940) e Osborn Bergin (1873-1950). As súas obras considéranse material imprescindíbel para todo estudoso actual desta lingua.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in