Lise

A lise (do grego antigo λύσις lýsis 'disolución, liberación' e este de λύειν lýein, 'desligar') é a degradación e rotura da membrana plasmática dunha célula, a miúdo causada por mecanismos virais, encimáticos ou osmóticos (é dicir, "líticos") que comprometen a súa integridade. O fluído formado polo contido vertido por unha célula lisada denomínase lisado. En laboratorios de bioloxía molecular, bioquímica e bioloxía celular, os cultivos celulares poden ser sometidos a lise durante o proceso de purificar os seus compoñentes, como na purificación de proteínas, extracción do ADN, extracción do ARN ou na purificación de orgánulos.

Moitas especies de bacterias sofren lise pola acción do encima lisozima, que se encontra na saliva animal, clara de ovo e outras secrecións.[1] Os encimas líticos dos fagos (lisinas) producidos durante a infección dos bacteriófagos son responsables da capacidade que teñen estes virus de lisar células bacterianas.[2] A penicilina e os antibióticos β-lactámicos relacionados causan a morte das bacterias por medio de lise mediada por encimas que ocorre porque o fármaco causa que a bacteria forme unha parede celular defectuosa.[3] Se a parede celular se perdeu completamente, a bacteria denominase protoplasto cando se utilizou a penicilina contra bacterias grampositivas e esferoplasto cando se usa contra gramnegativas.

Na célla animal a membrana é a única barreira, pero en plantas e bacterias a membrana está rodedada por unha parede celular resistente, que lle dá forma e rixidez ás células, protexéndoas tamén, en parte, da lise.

A técnica escollida para a rotura celular ten que considerar a orixe do tecido para avaliar a súa facilidade ou dificultade de destrución. Ademais o método debe ser compatible coa cantidade de material que será procesado e as aplicacións que se lle pretencden dar a este.

  1. P. Jollès, ed. (1996). Lysozymes--model enzymes in biochemistry and biology. Basel: Birkhäuser Verlag. pp. 35–64. ISBN 978-3-7643-5121-2. 
  2. Nelson, D.; Loomis, L.; Fischetti, V. A. (20 March 2001). "Prevention and elimination of upper respiratory colonization of mice by group A streptococci by using a bacteriophage lytic enzyme". Proceedings of the National Academy of Sciences 98 (7): 4107–12. Bibcode:2001PNAS...98.4107N. PMC 31187. PMID 11259652. doi:10.1073/pnas.061038398. 
  3. Scholar, E. M.; Pratt, W. B. (2000). The antimicrobial drugs (2nd ed.). Oxford University Press. pp. 61–64. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy