Los Angeles Lakers | |
---|---|
Información xeral | |
Conferencia | Oeste |
División | Pacífico |
Fundación | 1947 |
Historia | Minneapolis Lakers (1947–1960) |
Cores | Dourado, púrpura |
G League | South Bay Lakers |
Retirados | 12 (8, 16, 13, 22, 24, 25, 32, 33, 34, 42, 44, 52) Honoríficos: (VM, GM, JP, SM, JK, CL) |
Localización | |
Cidade | Os Ánxeles (California) |
Pavillón | Staples Center |
Capacidade | 18.997 espectadores |
Inauguración | 17 de outubro de 1999 |
Persoal | |
Propietario(s) | Familia de Jerry Buss |
Presidente | Jeanie Buss |
Director | Rob Pelinka |
Adestrador | Vacante |
Títulos | |
Campión | 17 (1949, 1950, 1952, 1953, 1954, 1972, 1980, 1982, 1985, 1987, 1988, 2000, 2001, 2002, 2009, 2010, 2020) |
Conferencia | 32 (1949, 1950, 1952, 1953, 1954, 1959, 1962, 1963, 1965, 1966, 1968, 1969, 1970, 1972, 1973, 1980, 1982, 1983, 1984, 1985, 1987, 1988, 1989, 1991, 2000, 2001, 2002, 2004, 2008, 2009, 2010, 2020) |
División | 24 (1971, 1972, 1973, 1974, 1977, 1980, 1982, 1983, 1984, 1985, 1986, 1987, 1988, 1989, 1990, 2000, 2001, 2004, 2008, 2009, 2010, 2011, 2012, 2020) |
lakers.com |
Los Angeles Lakers son un equipo profesional de baloncesto da National Basketball Association (NBA) con sede nos Ánxeles. Os Lakers xogan os seus partidos como local en Staples Center, cancha que comparten co seu equipo rival da NBA, Los Angeles Clippers, e o seu equipo irmán, Los Angeles Sparks da WNBA. Os Lakers gañaron o seu último título da competición en 2020 tras derrotar nas finais aos Miami Heat, por catro partidos a dous. En xuño de 2009, o analista de baloncesto e escritor John Hollinger clasificou aos Lakers como a maior franquía da NBA de todos os tempos.[1]
A franquía dos Lakers foi fundada en 1946 en Detroit, Míchigan, antes de trasladarse a Minneapolis, onde o equipo obtivo o seu actual nome, xa que o Estado de Minnesota é coñecido como a "Terra dos 10 000 lagos" (lago en inglés é lake). Antes de mudarse aos Ánxeles en 1960, os Lakers gañaron os seus cinco primeiros campionatos, con todo, durante os anos 60 non volveron a conseguir un novo título, aínda coa axuda de xogadores como Elgin Baylor ou Jerry West, até que finalmente, en 1972, os Lakers gañaron o seu sexto título, o primeiro na cidade dos Ánxeles.
Porén, a popularidade dos Lakers disparouse sobre todo na década de 1980, cando gañou cinco títulos en nove anos baixo o liderado dos xogadores do Salón da Fama Magic Johnson, Kareem Abdul-Jabbar, James Worthy e o adestrador Pat Riley, sendo dous campionatos desta época gañados aos seus eternos rivais na final, os Boston Celtics. Tras unha serie de anos en branco, entre 2000 e 2002 os equipo anxelino gañou tres títulos consecutivos, coa axuda de Shaquille O'Neal, Kobe Bryant e do adestrador Phil Jackson. Despois de perder tanto as finais de 2004 e 2008, os Lakers conseguiron o seu décimo quinto campionato en 2009 derrotando a Orlando Magic. Os Lakers ademais posúen os récords de maior número de vitorias (3 000), mellor porcentaxe de vitorias (61,8%) e maior número de aparicións nas Finais da NBA (31), sendo o equipo con máis títulos (17) empatado cos Celtics.