Lu Xun (chinés tradicional: 魯迅; chinés simplificado: 鲁迅; pinyin: Lǔ Xùn; Wade-Giles: Lu3 Hsün4), pseudónimo de Zhou Shuren (chinés tradicional: 周樹人; chinés simplificado: 周树人; pinyin: Zhōu Shùrén; Wade-Giles: Chou1 Shu4-jen2), nado en Shaoxing (provincia de Zhejiang) o 25 de setembro de 1881 e finado en Shanghai o 19 de outubro de 1936, foi un escritor chinés. Está considerado o fundador da literatura chinesa moderna debido á súa innovación temática –narrativa de contido realista e social– e ao uso do chinés vernáculo (白话, báihuà, lit. "lingua transparente") en substitución da lingua clásica literaria (文言, wényán, "lingua da cultura").
A súa obra exerceu grande influencia no Movemento do Catro de Maio e fai parte do panteón literario da República Popular da China, malia que nunca chegou a ser membro do Partido Comunista Chinés. Formou parte da Liga de Escritores de Esquerdas, fundada en 1930, na que se propugnaba a idea de que a literatura tiña que servir aos intereses da revolución. El mesmo renunciou á literatura como creación porque entendía que arte e política son incompatíbeis, e tras escribir varias escolmas de relatos e o libro de poemas en prosa Yecao 野草 ("Mala herba"), dedicouse exclusivamente ao ensaio político.
As súas obras "O diario dun tolo" e "Unha nube de vran" foron publicadas en galego por Edicións Xerais, na escolma Flores e leña (1982).[1]