Electromagnetismo |
---|
Electrostática |
Magnetostática |
Electrodinámica |
Circuíto eléctrico |
Formulación covariante |
Científicos |
O magnetismo é unha propiedade física relacionada cos campos magnéticos, así como as interaccións entre imáns naturais, é un fenómeno consistente na atracción e repulsión de forzas saídas de obxectos, que se atraen ou repelen. Hai algúns materiais que presentan propiedades magnéticas detectables como o níquel, o ferro, o cobalto e as súas aliaxes. Con todo, todos os materiais son influídos, de maior ou menor xeito, pola presenza dun campo magnético.
Ata o século XIX foi considerado como unha parte independente da física, limitándose nese tempo a analizar e experimentar coas interaccións entre imáns. Unha aplicación moi importante deste fenómeno, dado que a Terra funciona tamén como un imán, foi o compás, que non é máis que un imán que se orienta debido ó campo magnético da Terra.
A zona onde se produce un efecto magnético chámase campo magnético. Así, o efecto magnético terrestre produce o campo magnético da Terra.
O magnetismo tamén ten outras manifestacións físicas, particularmente como un dos dous compoñentes da radiación electromagnética, como por exemplo, a luz. O magnetismo pode mesmo producir efectos interplanetarios. Así, o magnetismo solar, variable cun ciclo de 22 anos, produce efectos visibles en forma de diferente número de manchas solares, e outros, como a maior ou menor intensidade de radiación, que pode ser perigosa para os astronautas ou mesmo para equipos na superficie terrestre.[1]