O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de maio na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Inclúese algún refrán relativo á Ascensión, festividade que se celebra corenta días despois do Domingo de Resurrección. Pode caer no mes de maio ou a principios de xuño.
Tralo inverno e as chuvias de abril, o tempo permite empezar xa cos traballos no campo, que cómpre realizar con premura para a sementeira. Maio é, xa que logo, un mes de moito traballo para o labrego, e de aí as expresións estar amaiado ou andar co maio ó lombo cando un está canso e baldado. Do mesmo xeito maiola significa "preguiza", como maiolán ou maioleiro é un preguiceiro, e maiolarse ou esmaliolarse é caer rendido polo cansazo.
Pero maiola tamén significa "castaña seca", tamén chamada castaña maiola ou, simplemente, maia; o día das maiolas era o nome co que se designaba o 1º de maio, data na que se adoitaba regalar castañas ós veciños e ós pobres do lugar.