Malaria | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Plasmodium da saliva dun mosquito femia. | |
ICD-10 | B50-B54 |
ICD-9 | 084 |
OMIM | 248310 |
DiseasesDB | 7728 |
MedlinePlus | 000621 |
eMedicine | emerg/305 ped/1357 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A malaria (do italiano medieval "mal aire") ou paludismo (de paludis, xenitivo do termo latino palus: pantano, e -ismo, neste caso acción ou proceso patolóxico) é unha doenza parasitaria aguda ou crónica causada por protozoos parasitos do xénero Plasmodium, transmitidos pola picada da femia do mosquito Anopheles[1]. Algúns estudos científicos suxiren que puido terse transmitido ao ser humano a través do Gorilla gorilla[2]. Entre 700 000 e 2 700 000 persoas morren cada ano por mor da malaria, dos cales máis do 75% son nenos que viven en zonas endémicas de África[3][4]. Así mesmo, causa aproximadamente entre 400 e 900 millóns de casos de febre aguda ao ano na poboación infantil (menores de cinco anos) en ditas zonas[3]. Segundo datos de 2005, estímase que hai entre 350 e 500 millóns de episodios de paludismo clínico cada ano[5].
O primeiro intento dunha vacina sintética contra a malaria foi realizado en 1997 polo equipo de Manuel Elkin Patarroyo. Os resultados foron desiguais, alcanzando en Suramérica unha eficacia máxima do 28%[6]. A día de hoxe, a Organización Mundial da Saúde ten catalogada a esta vacina como «inactiva»[7]. Prometedores resultados anunciáronse en agosto de 2013, cando os xornais fixéronse eco de que unha vacina na fase I de estudo, alcanzaba unha eficacia dun 100%[8].
En maio de 2007, a Organización Mundial da Saúde decidiu conmemorar o Día Mundial da Malaria o 25 de abril de cada ano[9].