Mar Negro | |
---|---|
Localización administrativa | |
Estado | Bulgaria Xeorxia Romanía Rusia Turquía Ucraína |
Localización xeográfica | |
Océano / Mar | Mar epicontinental |
Continente | Europa - Asia |
Cunca | 2 millóns Km2 |
Xeografía | |
Mares contiguos | Mar de Azov mar de Mármara (mar Exeo, mar Mediterráneo) |
Illas interiores | 10+ |
Afluentes | Danubio (2.888 km), Dniéper (2.290 km)), Dnister (1.352 km) Kubán (870 km) |
Accidentes | |
Golfos e baías | Baía de Karkinit esteiro do Dniéper |
Penínsulas | Crimea |
Estreitos | Bósforo (Mármara) Dardanelos (Exeo) estreito de Kerch (Azov) |
Características | |
Superficie | 436 400 km²[1] |
Lonxitude máxima | 1175 km |
Profundiade máxima | 2212 m |
Capacidade | 547 000 km³ |
Outros datos | |
Salinidade | 17% |
Mapa | |
Localización do mar Negro. | |
Vista satélite | |
O mar Negro (en latín Pontus Euxinus, abkhaza: Амшын Еиқәа, xeorxiano: შავი ზღვა, turco: Karadeniz, en póntico: Μαύρον Θάλασσα, Εύξεινος Πόντος, búlgaro: Черно море, romanés: Marea Neagră, ruso: Чёрное море, ucraíno: Чорне море, en tártaro de Crimea: Qara deñiz) é un mar situado entre a Europa Oriental e a Asia Occidental. Atópase encerrado entre os Balcáns, a estepa póntica, Crimea, o Cáucaso e a península de Anatolia. O estreito do Bósforo conéctao co pequeno mar de Mármara, e o estreito dos Dardanelos conecta ao mar anterior co mar Exeo, que é unha división do mar Mediterráneo. Tamén está conectado co mar de Azov,[1] situado ao nordés, polo estreito de Kerch. O mar Negro forma unha depresión elíptica cunha pendente de leste a oeste, e ten unha superficie de 436 400 km² (sen incluír o mar de Azov), unha profundidade máxima de 2212 m e un volume de 547 000 km³.[2][3][4] Os países ribeiregos do mar Negro son, empezando polo sur e en sentido horario, Turquía, Bulgaria, Romanía, Ucraína, Rusia (o Krai de Krasnodar, o Óblast de Rostov e Crimea), e Xeorxia. [5]
Está delimitado polos montes Pónticos ao sur e polas montañas do Cáucaso ao leste, e conta cunha ampla meseta ao nordés. A súa maior lonxitude de leste a oeste é de 1 175 km. Entre as cidades importantes das súas costas están: Batumi, Burgas, Constancia, Giresun, Hopa, Istambul, Kerch, Mangalia, Năvodari, Novorossiisk, Odesa, Ordu, Poti, Rize, Sinope, Samsun, Sebastopol, Sochi, Sozopol, Sukhumi, Trebisonda, Varna, Ialta e Zonguldak.
Existe unha saída neta de auga de 300 km³ ao ano a través do Bósforo e do estreito de Dardanelos cara ao mar Exeo, mentres que a auga do Mediterráneo discorre cara ao mar Negro como parte dun camiño de ida e volta de intercambio hidrolóxico. O fluxo que sae do mar Negro é máis frío e menos salino, e o fluxo que entra desde o Mediterráneo é máis cálido e salino, polo que este fluxo é o resultado dos cambios de densidade causados pola diferente salinidade, o que dá lugar a unha gran cantidade de auga anóxica a 150 m baixo a superficie, que teñen a particularidade de descompoñer os barcos afundidos fabricados en ferro pero non así os barcos de madeira.[6] O mar Negro tamén recibe auga do gran sistema fluvial de Eurasia polo norte do mar. Os ríos que lle achegan máis auga son o Danubio, o Dnister, o Dniéper e o Don.
Os niveis de auga deste mar variaron significativamente ao longo da historia. Debido a estas variacións do nivel da auga na conca, os límites actuais deste mar foron ás veces bancais xeolóxicas secas. Cando se dan determinados niveis de auga elevados é posible que o mar se conecte con outras augas próximas para estabilizarse. É a través dunha destas rutas de conexión máis activas, o estreito turco, onde este mar conéctase cos océanos do mundo. Cando esta ligazón hidrolóxica non está presente, o mar Negro transfórmase nunha conca endorreica que opera de forma independente do sistema global dos océanos, como é o caso do mar Caspio. O estreito turco conecta o mar Negro co Exeo, e abarca o Bósforo, o mar de Mármara e o estreito de Dardanelos.