Mark Daniel Ronson, nado o 4 de setembro de 1975, é un músico, DJ, compositor e produtor musical británico.[2] Ronson é coñecido sobre todo polas súas colaboracións con artistas como Amy Winehouse, Lady Gaga, Adele, Lily Allen, Robbie Williams, Miley Cyrus, Queens of the Stone Age e Bruno Mars. Ronson recibiu sete premios Grammy, incluído o premio ao produtor do ano polo seu traballo co álbum de Amy Winehouse Back to Black, e dous premios á gravación do ano polos sinxelos "Rehab" e "Uptown Funk".[1] Tamén gañou un Óscar, un Golden Globe Award e un Grammy por co-escribir a canción "Shallow" para o filme A Star is Born (2018).[1][2]
Ronson naceu en Londres e medrou en Nova York. O seu padrasto é o guitarrista de Foreigner Mick Jones, que axudou a que durante a súa infancia vivise rodeado pola música. Mentres estudaba na Universidade de Nova York, Ronson converteuse nun popular DJ na escena hip hop. O seu álbum de estrea, Here Comes the Fuzz (2003), non chegou a entrar nas listas. En 2006 foi aclamado por producir álbums para Lily Allen, Christina Aguilera e Amy Winehouse. En 2007 Ronson publicou o seu segundo disco, Version. Desta vez o álbum chegou ao número 2 no Reino Unido, entrando tres dos seus sinxelos no top 10 e gañando o Brit Award ao mellor artista británico masculino.[3] Posteriormente lanzou o seu terceiro álbum de estudio, Record Collection, que tamén chegou ao número 2 do Reino Unido.[3]
En 2014 Ronson publicou o seu sinxelo "Uptown Funk" con voces de Bruno Mars. O sinxelo pasou 14 semanas seguidas no número 1 da lista Billboard Hot 100, sete non consecutivas no número 1 da lista británica de sinxelos e converteuse nun dos sinxelos máis vendidos de todos os tempos.[3] O seu cuarto álbum de estudio, Uptown Special, converteuse no seu disco máis exitoso ata a data. En 2018 fundou o seu propio selo, Zelig Records (filial de Columbia Records), e fundou o dúo Silk City co produtor Diplo, co cal recibiu o Grammy Award á mellor gravación de dance pola canción "Electricity".[1]
Ademais do seu traballo no mundo do entretemento Ronson usa a súa influencia creativa para axudar aos demais. En 2015 converteuse en patrocinador da Amy Winehouse Foundation, que axuda a mozos marxinados a través da música.[4] Tamén traballou coa campaña End the Silence para conseguir cartos para a asociación benéfica Hope and Homes for Children e recentemente converteuse en artista mentor no Turnaround Arts, un programa nacional do John F. Kennedy Center para as artes escénicas, que axuda a escolas de baixo rendemento a través da educación en artes.