Materialismo

En 1748, o doutor e filósofo francés La Mettrie publicou a primeira definición de materialismo da alma humana en L'Homme Machine.

O materialismo[1] é unha doutrina metafísica consistente en afirmar que só existe a materia ou que esta é a realidade básica da que depende todo o que existe. Por materia enténdese calquera substancia que ocupa un espazo e que pode verse e tocarse. En consecuencia, o materialismo nega a existencia de substancias absolutamente independentes da materia,[2] como poden ser as almas, espíritos, deuses etc. Por este motivo o materialismo asóciase xeralmente con actitudes ateas e antirrelixiosas.[2]

Aínda que as metafísicas materialistas existen dende os inicios da filosofía occidental, a época materialista máis relevante acontece nos séculos XVIII, co empirismo inglés e os enciclopedistas franceses e, sobre todo, no século XIX en Alemaña co materialismo mecanicista (Karl Vogt e Ludwig Büchner) e o materialismo dialéctico (Friedrich Engels e Karl Marx). No século XX o materialismo vese reflectido tamén no programa fisicalista da corrente filosófica denominada Neopositivismo.

O materialismo mecanicista apóiase fundamentalmente nos avances experimentados polas ciencias da natureza durante o século XIX e sostén que os procesos psíquicos e mentais, aparentemente de natureza incorpórea, non son outra cousa que procesos químicos e fisiolóxicos explicables de maneira soamente mecánica a medida que as ciencias vaian progresando. Nun sentido parecido hai que entender tamén o fisicalismo neopositivista. Estas orientacións, polo tanto, caracterízanse por un reducionismo do psíquico ó neuro-fisiolóxico.

O materialismo dialéctico, en cambio, admite que os procesos psíquicos son de natureza irredutible a meros procesos físicos, se ben estes últimos son a base material da que emerxen os primeiros. Sen cerebro, polo tanto, non poderían existir os procesos mentais. Estes, por outra parte, consideran que a materia está sometida a procesos evolutivos dominados polas leis da dialéctica.

Hai tamén un uso popular do termo, alleo ó seu significado filosófico, e segundo o cal fálase, por exemplo, de "época materialista". Neste uso a palabra ten un significado moral e disigna unha actitude vital desprovista de valores e interesada unicamente no aprecio do benestar material (ter cousas) xunto coas accións que contribúen a logralo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para materialismo.
  2. 2,0 2,1 "Materialismo". R7. Algo Sobre. Consultado o 6 de novembro de 2012. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in