Matrimonio

Os aneis, símbolo habitual do matrimonio.
Retrato do matrimonio Arnolfini, por Jan van Eyck.

O matrimonio (do latín: matrimonīum)[1] é unha antiga institución social, presente en gran cantidade de culturas, que establece un vínculo conxugal entre persoas naturais, recoñecido e consolidado por medio de prácticas comunitarias e normas legais, consuetudinarias, relixiosas ou morais, que ten por fin fundamentar a fundación dun grupo familiar aínda que tamén proporcionar un marco de protección mutua ou de protección da descendencia. A unión matrimonial establece entre os cónxuxes —e en moitos casos tamén entre as familias de orixe destes[2]— dereitos e obrigacións que varían considerablemente segundo as normas que o regulan en cada sociedade.[3] Pode ser motivado por intereses persoais, económicos, sentimentais, de protección da familia ou como medio para obter calquera tipo de vantaxe.

As normas matrimoniais están vinculadas con aquelas que regulan as relacións sexuais (incesto, adulterio, exclusividade sexual, monogamia, poligamia), a reprodución e a filiación dos fillos, segundo as regras do sistema de parentesco vixente. O matrimonio adoita estar estreitamente relacionado coa familia e nalgúns casos constitúe o núcleo desta. As regras sobre finalización do matrimonio inclúen aquelas referidas ao divorcio.

Tradicionalmente o matrimonio concretábase sen ter en conta a vontade dos contraentes, mesmo contra a vontade destes ou pola forza, moitas veces lexitimando a posesión forzada das mulleres por parte dos homes. Nos últimos dous séculos universalizouse a esixencia do libre e pleno consentimento dos contraentes para contraer matrimonio, como un dos dereitos humanos fundamentais.[4]

Nas sociedades actuais existen dúas formas principais de matrimonio: civil ou relixioso e, dependendo da relixión ou do ordenamento xurídico, os dereitos, deberes e requisitos do matrimonio son distintos. Agora ben, non todas as sociedades establecen a distinción entre matrimonio civil e relixioso, válida só en Occidente. No primeiro caso son as leis do Estado as que establecen os dereitos, deberes e requisitos, mentres que no segundo caso son as normas ou costumes da relixión baixo a que se celebra. A coexistencia de ambas as formas e o recoñecemento da súa validez varían de acordo a cada sociedade.[5] Ata hai menos de dúas centurias só había matrimonio relixioso, ó que se consideraba mesmo un sacramento. Con respecto ao xénero dos contraentes, nos últimos anos o movemento LGBT obtivo en varios países o recoñecemento legal do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, aínda que varias culturas rexistran antecedentes no mesmo sentido.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para matrimonio.
  2. Haviland, William A.; Prins, Harald E.L.; McBride, Bunny; Walrath, Dana (2011). Cengage Learning, ed. Cultural Anthropology: The Human Challenge (en inglés) (13th ed.). ISBN 978-0-495-81178-7. Unha definición non matrimonial de matrimonio é unha unión sancionada culturalmente entre dúas ou máis persoas que establece certos dereitos e obrigas entre as persoas, entre elas e os seus fillos e entre elas e os seus sogros. 
  3. Haviland, William A.; Prins, Harald E. L.; McBride, Bunny; Walrath, Dana (2011). Cengage Learning, ed. Cultural Anthropology: The Human Challenge (13th ed.). ISBN 978-0-495-81178-7.  "Unha definición non alocentrista do matrimonio é unha unión culturalmente sancionada entre dúas ou máis persoas que establece certos dereitos e obrigacións entre as persoas, entre eles e os seus fillos, e entre eles e os seus sogros.."
  4. Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Artigo 23:... "3. O matrimonio non poderá celebrarse sen o libre e pleno consentimento dos contraentes".
  5. Esta distinción só pode existir naqueles contextos onde o Estado atraeu o recoñecemento do matrimonio como unha das súas atribucións. As primeiras leis do matrimonio civil aparecen nos Países Baixos en 1580 e en Inglaterra en 1653. Catalá Louro, Santiago; Martí, José María; García-Pardo, David (2002). Judaísmo, Sefarad, Israel: actas del II Encuentro sobre Minorías Religiosas (en castelán). Univ de Castela A Mancha. p. 206. ISBN 9788484272168. Consultado o 7 de febreiro do 2018.  Nalgúns países occidentais o matrimonio civil non foi recoñecido ata datas relativamente recentes. Por exemplo, Chile recoñéceo desde 1884. ( Salinas Araneda, 2009: 7.) Arxentina, faino desde 1888, en virtude da Lei 2393. Algúns estados que adoptaron o matrimonio civil non recoñecen as unións conxugais realizadas baixo as normas relixiosas, outros recoñecenas como opción con validez xurídica equivalente ao matrimonio civil. En contraparte, as relixións non adoitan recoñecer o matrimonio civil como unha forma de unión conxugal acorde cos seus preceptos.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy