Unha megacidade é unha enorme cidade, polo xeral cunha poboación de máis de 10 millóns de persoas.[1][2][3] As definicións precisas do concepto poden variar: o Departamento de Asuntos Económicos e Sociais das Nacións Unidas no seu informe "World Urbanization Prospects" de 2018 considera megacidades as aglomeracións urbanas con máis de 10 millóns de habitantes.[4] Un estudo da Universidade de Bonn sostivo que "xeralmente se definen como unha área metropolitana cunha poboación total de 10 millóns de persoas ou máis".[5] Outros enumeran cidades que satisfán criterios de 5 ou 8 millóns e tamén teñen unha densidade de poboación de 2.000 por quilómetro cadrado.[6] Os termos conurbación, metrópole e metroplex tamén se aplican a estes últimos.[6]
O número total de megacidades no mundo varía entre as distintas fontes: o mundo ten 33 megacidades de acordo coas Nacións Unidas (en 2018), 45 segundo CityPopulation.de (en 2023) e 44 segundo Demographia (en 2022). Arredor da metade destas megacidades atópanse na China e na India. Os outros catro países co maior número de megacidades son o Brasil, o Xapón, Paquistán e os Estados Unidos de América. As megacidades africanas están presentes en Nixeria, Exipto, Suráfrica e a República Democrática do Congo; as megacidades europeas atópanse en Rusia, Francia, o Reino Unido e Turquía (tamén en Asia); as megacidades de América Latina están no Brasil, México, Colombia, o Perú e a Arxentina. Algunhas fontes sinalan a Área do Gran Toquio como a meirande megacidade do mundo,[4][7] mentres que outros danlle o título ao Delta do Río das Perlas.[8][9][10]