Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Meninxite | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Unha autopsia revela signos de meninxite no falecido | |
ICD-10 | G00–G03 |
ICD-9 | 320–322 |
DiseasesDB | 22543 |
MedlinePlus | 000680 |
eMedicine | emerg/309 emerg/390 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A meninxite é a inflamación, xeralmente de causa infecciosa, das envolturas e membranas (meninxes) que recobren o cerebro e a medula espiñal. Aínda que o tipo máis común de microorganismo que a provoca son os virus, algunhas bacterias, axentes químicos, e mesmo as células tumorais poden causar meninxite. A encefalite e o absceso cerebral poden acompañar á meninxite como complicación (debido á extensión da bacteria ás estruturas cerebrais veciñas).
As bacterias máis importantes que causan a meninxite son Streptococcus pneumoniae, e Neisseria meningitidis. Aínda que Haemophilus influenzae pode ser causa de meninxite, naqueles países en que a súa vacina se inclúe no calendario vacinal, desapareceu como axente de infeccións graves. Porén, as distintas vacinas existentes só protexen fronte a un tipo de xerme, permanecendo vulnerables ao resto de axentes, e ademais, na actualidade, non hai vacina ningunha para a meninxite B.
A distinción que se fai entre A, B e C débese aos diferentes tipos (serotipos) da bacteria Neisseria meningitidis, que son as bacterias máis frecuentes como causa de meninxite epidémica. No calendario vacinal galego inclúese a vacina contra o tipo C a partir dos dous meses. Foi esta mesma variedade de meninxite a que foi obxecto de campañas vacinais en Galicia (a última no 2006), debido a que se observou un importante ascenso dos gromos por ela producidos.
Os síntomas e métodos de diagnóstico son similares aos da encefalite. O cultivo de líquido cefalorraquídeo é crucial para determinar o axente causante, en ocasións o cultivo do sangue pode determinar a etioloxía. Xunto a febre e vómitos, un dos principais síntomas é a rixidez da caluga que pode determinarse apoiándose no "signo de Brudzinski" que consiste en tombar ao paciente e flexionarlle cara a arriba a cabeza. A rixidez do pescozo fará que non se poida dobrar este ou que flexione involuntariamente as pernas. En nenos menores de 1 ano, non adoita presentarse esta rixidez polo que o pediatra neste caso tamén apalpa a fontanela anterior para determinar o seu abombamento.
Debido a que a meninxite bacteriana é unha urxencia sanitaria grave, con altos niveis de mortalidade e a que a causa é tratable con antibióticos, os pacientes que se sospeite que teñan meninxite deben ser sometidos inmediatamente a unha punción lumbar, tras unha TAC (o que evitará un posible inchazo cerebral que pode causar unha hernia cerebral durante a punción lumbar) e debe comezarse rapidamente o tratamento con antibióticos de amplo espectro unha vez que os estudos de cultivos sexan completados. Se non se pode realizar unha punción lumbar debido a un inchazo cerebral ou a un posible absceso cerebral concomitante, débese comezar o tratamento cun antibiótico de amplo espectro en todo caso e, posteriormente, pode ser substituído por un antibiótico máis específico, dependendo dos resultados dos estudos de cultivos sanguíneos.
A meninxite cáusase xeralmente por enfermidades infecciosas das estruturas veciñas (seos paranasais, células mastoides do oído etc.) Débense de realizar probas diagnósticas para atopar e tratar tamén esas posibles causas de infección. As convulsións aparecen frecuentemente durante o curso da meninxite e son tratadas con medicación anti-espasmódica, como a fenitoína.