Mesquita

Mesquita no Afganistán, destacando a cúpula e o minarete.

A mesquita é un lugar de culto para os seguidores da fe islámica. Os musulmáns con frecuencia refírense á mesquita co seu nome árabe: masjid (pl. masajid) (en caracteres árabes: مسجد — pronunciado mæsʤıd). O termo mesquita, na maioría das linguas occidentais, acostuma designar calquera tipo de edificación dedicada polo islam ao culto, aínda que en árabe distínguese entre a mesquita menor, de propiedade privada a miúdo, e a gran mesquita, ou "colectiva": jami ou masjid jami (جامع), que posúe espazos comunais e sociais.

Mesquita de Solimán en Istambul.

Un dos seus elementos é o minarete, unha torre elevada, no cume da cal o sacerdote exhorta os fieis da comunidade ás oracións, cinco veces ao día, voltados na dirección da Meca, conforme os preceptos do Alcorán.

A primeira mesquita foi a casa do profeta Mahoma en Medina, unha cidade ao norte da Meca, na cal os seguidores de Mahoma realizaron un retiro en 622.

O propósito da mesquita é servir como lugar onde os musulmáns poden reunirse para o rezo ou azalá (salat). Mais, as mesquitas son coñecidas hoxe en todo o mundo pola súa importancia xeral para a comunidade islámica (ummah), tanto como polo seu papel como edificio emblemático da arquitectura islámica. Desenvolvéronse na península arábiga a partir dos espazos ao aire libre que eran a Mesquita de Quba e a Mesquita al-Nabawi no século VII. Actualmente, a maioría das mesquitas posúen traballadas cúpulas, minaretes ou torres, e salas de oración. Non son só o lugar de rezo, senón tamén lugares para aprender sobre o islam ou encontrarse cos compañeiros de fe.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in