Miley Ray Cyrus, nada como Destiny Hope Cyrus o 23 de novembro de 1992 en Franklin, é unha cantante, actriz, compositora, bailarina, escritora, deseñadora e empresaria estadounidense. Logo de interpretar pequenos papeis na serie de televisión Doc e no filme Big Fish durante a súa nenez, converteuse nunha icona adolescente pola súa actuación na serie de Disney Channel Hannah Montana en 2006. O seu pai Billy Ray Cyrus tamén protagonizou a serie, que foi emitida durante catro tempadas, até o ano 2011.
Cyrus conseguiu tres álbums número 1 nos US Billboard 200 con Meet Miley Cyrus (2007), Breakout (2008) e Bangerz (2013). Os seus lanzamentos The Time of Our Lives (2009), Can't Be Tamed (2010), e Younger Now (2017) debutaron no máis alto das listas dos Estados Unidos, ó tempo que o seu álbum Miley Cyrus & Her Dead Petz (2015) foi lanzado de balde en liña a través de SoundCloud. Ademais, Cyrus conseguiu dous números un adicionais e tres cancións no top 10 acreditada como Hannah Montana. Tamén conseguiu nove entradas nos top 10 de US Billboard Hot 100: "See You Again", "7 Things", "The Climb", "He Could Be the One" (como Hannah Montana), "Party in the U.S.A.", "Can't Be Tamed", "We Can't Stop", "Malibu" e "Wrecking Ball".
Cyrus comezou a súa carreira como actriz de voz no filme animado Bolt (2008), e posteriormente protagonizou os filmes Hannah Montana: The Movie (2009) e The Last Song (2010). En televisión, foi a convidada nos Premios MTV de 2015 e apareceu en Saturday Night Live tres veces dende a súa primeira aparición en 2011. Cyrus tamén apareceu como adestradora na competición televisión de canto The Voice; onde apareceu en dúas tempadas dende o seu debut en 2016.
Cyrus gañou numerosos premios e nomeamentos, sendo recoñecida como "Artista do Ano" por MTV en 2013, e sendo incluída na lista anual Time 100 entre as persoas máis influentes nos anos 2008 e 2014. A súa imaxe foi obxecto de grande atención dos medios de comunicación e de controversia pública, incluíndo a súa transición de imaxe sa á dunha persoa altamente sexual a comezos da década de 2010. Cyrus é unha defensora aberta dos dereitos dos animais e adoptou un estilo de vida vegano en 2013.[1]