Miosina

Parte da estrutura da miosina II. Os átomos da cadea pesada están coloreados de vermello no lado esquerdo, e os átomos das cadeas lixeiras están coloreados de laranxa e amarelo.

As miosinas[1] son unha familia de proteínas motoras dependentes do ATP. As súas funcións máis coñecidas son intervir na contracción muscular e noutros procesos mótiles en moitos eucariotas. Son as proteínas responsables da motilidade baseada na actina. O termo miosina foi orixinalmente utilizado para describir un grupo de ATPases similares atopadas nas células musculares estriadas.[2] Despois do descubrimento feito por Pollard e Korn de encimas con funcións similares á miosina no amebozoo Acanthamoeba castellanii, descubríronse un gran número de xenes de miosina diverxentes nos máis diversos eucariotas. Deste modo, aínda que se pensaba inicialmente que a miosina estaba restrinxida ás células musculares (de aí o prefixo, "mio", músculo), realmente non existe unha soa miosina senón unha amplisima superfamilia de xenes que codifican proteínas que comparten as propiedades básicas de unión á actina, hidrólise do ATP (actividade encimática de ATPase), e transdución de forza. Virtualmente todos as células eucarióticas conteñen isoformas da miosina. Algunhas isoformas teñen funcións especializadas en certos tipos celulares (como no músculo), e outras isoformas están presentes en moitos tipos celulares. A estrutura e función da miosina está moi conservada entre as especies, ata o punto que a miosina II do músculo de coello pode unirse á actina dunha ameba.[3]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para miosina.
  2. Pollard, Thomas D.; Korn, Edward D. (1973). "Acanthamoeba myosin. I. Isolation from Acanthamoeba castellanii of an enzyme similar to muscle myosin.". The Journal of Biological Chemistry 248 (13): 4682–90. PMID 4268863. 
  3. McMahon, T. A. 1984. Muscles, Reflexes and Locomotion. 1st Edition. Princeton University Press. ISBN 978-0-691-02376-2

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy