Moda

A top model Gisele Bündchen.
Unha caricatura do ano 1796 de James Gillray, titulada Following the Fashion (en gl.: Seguindo a moda).

A moda é un termo aplicado a maioría das veces a unha corrente de expresión predominante, aínda que tamén se usa como modo de expresión que pode -ou non- ser seguido polos demais. Ligada ao termo vai a idea de que a moda cambia máis axiña cá cultura na súa totalidade.

A moda pódese definir como o uso pasaxeiro que regula o xeito de vestirse, de construír, de vivir etc., segundo o gusto do momento[1] ou como o uso social que condiciona a indumentaria segundo unhas normas preestablecidas que varían de acordo coa época e a civilización.[2] Indica no seu significado máis amplo unha elección ou, máis ben, un mecanismo regulador de eleccións, realizadas en función duns criterios de gustos, diferentes en cada cultura. Aínda que a moda pode asignarse ben ó feminino ou ó masculino, algunhas tendencias son androxinias.[3]

A moda, ou as modas, e máis concretamente a moda nos vestidos, designa o xeito de vestirse, conforme ao gusto dunha época nunha zona determinada. É un fenómeno que implica ao colectivo a través da sociedade, a visión que ela reenvía, os códigos que impón e o gusto individual. O concepto de moda pasa a necesidade de vestir. O fenómeno da moda foi durante moito tempo un privilexio da aristocracia, da corte, e dos ricos que querían imitar as formas; posteriormente popularizouse e converteuse nun fenómeno de masas.

A moda, polo tanto, no que afecta ao corpo concirne non só á indumentaria senón tamén aos complementos, á maquillaxe, ao perfume e ata ás modificacións do corpo. A moda está vinculada a varios factores, entre eles a produción en serie, a aparición de poboacións máis numerosas, as cidades e a capacidade de difusión da prensa. A moda desenvólvese en asociación cun conxunto de fenómenos creativos, dos medios, industriais e comerciais, polo cal é un elemento dunha certa complexidade característica da nosa sociedade. Pode ser vista como un reflexo social e cultural. De feito, co desenvolvemento das comunicacións e o transporte, case todas as creacións no ámbito de pezas de vestir están dispoñibles para a maioría da xente, sexa cal for o grupo social.

A difusión da moda vai ser lenta ata fins do século XVII, en diante foron as primeiras publicacións periódicas as que lle deron publicidade. Antes, o comercio, as cartas, os matrimonios, as viaxes e ata a espionaxe eran os sistemas principais de difusión da moda. A ruta da seda tivo un gran papel pero baixo o segredo da elaboración destes tipos de tecidos . No século XVI comezáronse a popularizar as bonecas de dimensións pequenas ataviadas segundo a moda do momento con todos os seus detalles, tal e como menciona unha carta do rei Francisco I de Francia dirixida a Isabella d'Este, duquesa de Mantua.[4] En 1672 fundouse en Francia o xornal literario e de moda Le Mercure Galant, seguido doutras publicacións similares noutros países europeos.

A moda pode ser observada desde un punto de vista estritamente artístico ou artesanal, pero tamén pode ser analizada como un instrumento do desenvolvemento económico.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para moda.
  2. Moda Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Gran Enciclopèdia Catalana
  3. Undressing Cinema: Clothing and identity in the movies – páxina 196, Stella Bruzzi – 2012
  4. Rosita Levi Pizetsky - Storia del costume in Italia, Istituto editoriale Italiano, 1966

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy