A moeda da Antiga Roma é, de entre todas as moedas da Idade Antiga, a que coñeceu a máis ampla expansión xeográfica, ata se converter durante varios séculos na moeda común de todo o mundo occidental e o Mediterráneo.
Particularmente durante a maior parte da República Romana e na metade occidental do Imperio Romano, baseouse nun sistema constituído polo áureo (lat. aureus, "ouro"), o denario (lat. denarius) e o sestercio (lat. sestertius), de prata, e o dupondio (lat. dupondius) e o ás, de bronce, nunha aliaxe máis ou menos rica en cobre en función das épocas.
O áureo, que, por mor do seu alto valor, funcionaba máis como unidade de conta que como moeda efectiva, valía 25 denarios (estímase que cara á fin da República un denario equivalía ao salario diario dun traballador). Un denario valía 5 dupondios ou 10 ases (en 118 a. C., o valor do denario foi reaxustado a 16 ases). Un dupondio valía 2 ases, e 1 sestercio valía 4 ases. Estas moedas usáronse desde mediados do século III a. C. ata mediados do século III d. C. Nese século, a reforma de Caracalla substituíu o denario polo denario dobre, máis coñecido como antoniniano (lat. antoninianus), o cal, pola súa vez, desapareceu na reforma do sistema monetario de Diocleciano, que creou denominacións como o arxénteo (lat. argenteus), de prata, e o follis, de bronce prateado. Posteriores reformas, como a de Constantino de 324 d. C., estableceron o sólido (lat. solidus), de ouro, dividido en 3 tremis (gr. Τρεμίσσης -tremissis-; lat. tremis) ou en 24 siliquas (lat. siliqua), o miliarense (lat. miliarensis), de prata, e algunhas denominacións menores de bronze. Estas últimas moedas son as que estiveron en circulación ata a fin do Imperio Romano de Occidente.[1][2]