Canadiens de Montréal Montreal Canadiens | |
---|---|
Fundación | 4 de decembro de 1909 (114 anos) |
Cidade | Montreal, Quebec Canadá |
Estadio | Centre Bell (21.273 espectadores) |
Liga | National Hockey League |
Conferencia | Leste |
División | Atlantic |
Campionatos | 24 |
Propietario(s) | Familia Molson (propietario maioritario) Geoff Molson, presidente |
Director | Marc Bergevin |
Adestrador | Michel Therrien |
Afiliado(s) | St. John's Icecaps (AHL) Brampton Beast (ECHL) |
Cores | Vermello, azul, branco |
Na rede | |
http://canadiens.nhl.com/ | |
O Canadiens de Montréal (en francés) ou Montreal Canadiens (en inglés) é un equipo profesional canadense de hóckey sobre xeo da cidade de Montreal (Quebec) que compite na National Hockey League (NHL), estando encadrado na Atlantic Division da Conferencia Leste. O nome oficial do club é le Club de hockey Canadien.[1] Entre os alcumes do equipo en francés están Les Canadiens (ou Le Canadien), Le Bleu-Blanc-Rouge, La Sainte-Flanelle,[2] Le Tricolore, Les Glorieux (ou Nos Glorieux), Les Habitants, Le CH e Le Grand Club. O principal alcume do equipo en inglés é Habs, unha abreviatura de "Les Habitants".
Fundados en 1909, os Canadiens son o equipo máis antigo de toda a competición e o equipo profesional de hóckey sobre xeo que leva funcionando dende hai máis tempo, e o único equipo da NHL que xa existía antes da fundación da liga. Entre 1909 e 1917 competiu na NHA, e a partir de 1917 comezou a súa andaina na LNH. Son unha das franquías deportivas profesionais norteamericanas máis antigas, sendo a súa historia anterior á de calquera outra franquía canadense con excepción das do fútbol canadense, así como á de calquera franquía estadounidense agás as do béisbol e os Arizona Cardinals da National Football League (NFL). A franquía é un dos equipos denominados "Original Six", o nome que reciben os equipos que competiron na NHL dende 1942 ata a expansión de 1967.
Con 24 títulos é o equipo máis laureado da NHL, moi lonxe dos Toronto Maple Leafs que son o segundo equipo con máis títulos, cun total de 13. O campionato conseguido na tempada 1992-93 foi a última vez que un equipo canadense gañou a Stanley Cup.[3]