Movella grande

Movella grande
Gavia immer

Adulto en plumaxe reprodutor en Wisconsin

En plumaxe non reprodutor en Carolina do Norte
En plumaxe non reprodutor en Carolina do Norte

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gaviiformes
Familia: Gaviidae
Xénero: Gavia
Especie: Gavia immer
(Brunnich, 1764)
Distribución de G. immer      Área de cría     Área de invernada
Distribución de G. immer      Área de cría     Área de invernada

Distribución de G. immer      Área de cría     Área de invernada
Sinonimia[2]

Colymbus immer

Gavia immer

A movella[3] grande[4] ou mobella grande[5][6][7][8] (Gavia immer) é unha especie de ave da familia das movellas (Gaviidae). Os adultos reprodutores teñen unha plumaxe cunha cabeza ancha e pescozo negros coas partes superiores dun ton verdoso ou purpúreo, denegrido ou gris denegrido, e partes ventrais brancas, excepto algunhas coberteiras negras debaixo da cola e ano. Os adultos non reprodutores son pardos con pescozo e cabeza negros marcados con marrón agrisado escuro; as súas partes superiores son pardas agrisadas escuras cun debuxo pouco claro de cadrados nos ombros, e as partes ventrais, parte inferior da cara, meixelas e garganta abrancazadas. Os sexos son de aparencia similar, aínda que os machos son significativamente máis grandes e pesados que as femias. Durante a estación reprodutora, viven en lagos e outras vías acuáticas do Canadá, norte dos Estados Unidos (incluída Alasca), e no sur de Groenlandia e Islandia. Ademais, un pequeno número reprodúcese en Svalbard e esporadicamente noutras partes do Ártico de Eurasia. As movellas grandes invernan en ambas as costas dos Estados Unidos chegando polo sur ata México, e no Atlántico ás costas europeas, incluíndo ás veces as costas galegas.

Comen unha ampla variedade de animais como peixes, crustáceos, larvas de insectos, moluscos e ocasionalmente plantas acuáticas. Tragan a maioría das súas presas baixo a auga, onde as capturaron, xa que se mergullan, pero algunhas que son moi grandes lévanas á superficie. Son reprodutores monógamos estacionais. Ambos os membros da parella traballan na construción do niño feito de herbas de pantano mortas e outras plantas que amontoan nas beiras con vexetación de lagos. Crían unha soa camada por ano e a posta consta dun ou dous ovos ovais marróns oliváceos con pintas marróns que son incubados durante 24 ou 25 días por ambos os proxenitores. As crías son alimentados polo pai e nai e empluman en 70 a 77 días. Os polos poden mergullarse e voan ás súas áreas de invernada antes de que se forme o xeo no outono.

A movella grande está considerada na Lista Vermella da IUCN como especie con status "Pouco preocupante". É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias africano-euroasiáticas. Nalgúns países ten unha protección especial, como nos Estados Unidos, onde o Servizo de Bosques dos Estados Unidos a designou como especie con status especial debido ás ameazas que afronta pola perda de hábitat e envelenamento por metais tóxicos na súa área de distribución estadounidense.

É a ave provincial de Ontario (Canadá), e aparece na moeda canadense dun dólar, que popularmente se chama "loonie" (loon é o nome inglés desta ave) e tamén en series antigas de billetes canadenses de 20 dólares. En 1961 foi designada ave estatal de Minnesota e aparece na moeda conmemorativa dun cuarto de dólar correspondente a ese estado.

  1. BirdLife International (2016). "Gavia immer". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2016: e.T22697842A89564946. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22697842A89564946.en. Consultado o 10 de novembro de 2017. 
  2. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome hbw2
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para movella.
  4. Definición de movella no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  5. Conde Teira, Miguel Ángel (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa. 
  6. "mobella grande". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024. 
  7. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 
  8. De la Cigoña, Estanislao F. (2005). Lista de referencia das aves galegas. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía. ISBN 84-87904-28-9. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy