Muralla de Lugo

Muralla Romana de Lugo
Vista da muralla
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísGaliza Galiza
Localización43°0′40″N 7°33′12″O / 43.01111, -7.55333
TipoCultural
CriteriosIV
Inscrición2000 (24ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador987

A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.[1]

O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 m[2] e a súa altura varía entre os 8[1] e os 12[Cómpre referencia] ou 10 m[1][3] sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. Sobre a muralla o camiño de ronda varía entre os 4, 5 e os 7 m de largo. Na parte exterior da muralla un foxo con forma de V podía encherse de auga en caso de perigo. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. O certo é que o paso do tempo fixo desaparecer a metade superior en case toda a súa extensión e, na parte que queda en pé, tamén houbo profundas transformacións.[4]

Inicialmente a muralla tiña cinco portas,[5] mais posteriormente abríronse outras cinco. Dende o século XVI xurdiron voces reclamando a reconstrución, e existen textos que falan de "torres con dous ou tres pisos, grosos vidros brancos nas fiestras das torres e mesmo vestixios de madeiros de cuberta e chemineas". Hoxe a torre da Mosqueira é a única mostra daquela descrición. O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e o embaixador chinés, Qui Xiaoqi.[6]

  1. 1,0 1,1 1,2 Centre, UNESCO World Heritage. "Roman Walls of Lugo". whc.unesco.org (en inglés). Consultado o 2018-07-06. 
  2. A Galicia Romana, Tomo III, Volume 1: A Conquista Romana. Ocupación do territorio e cultura material. José Manuel Caamaño Gesto.
  3. "Muralla Romana de Lugo". Ministerio de Cultura y Deporte. Patrimonio Mundial (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2018. Consultado o 06 de xullo de 2018. 
  4. Rodríguez Colmenero, Antonio. "Antigua. Historia y Arqueología de las civilizaciones - Conjuntos arqueológicos". www.cervantesvirtual.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2009. Consultado o 2018-07-06. 
  5. Algúns autores sosteñen que as portas romanas son catro, e non cinco.
  6. Rutasconhistoria.es

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy