Os nanotubos de membrana ou nanotubos tuneladores (TNT, tunneling nanotubes) son uns tubos longos e finos formados na membrana plasmática e proxectados cara ao exterior da célula, que conectan distintas células animais desde grandes distancias.[1] O diámetro destas estruturas vai de 50 a uns poucos centos de nanómetros e poden ter lonxitudes de varios diámetros celulares.[2] Observáronse dous tipos de nanotubos. O primeiro tipo ten menos de 0,7 micrómetros de diámetro, contén actina e transporta compoñentes da membrana plasmática (proteínas, lípidos) entre dúas células nas dúas direccións. O segundo tipo é meirande en grosor (>0,7 μm), contén tanto actina coma microtúbulos e pode transportar compoñentes do citoplasma entre as dúas células, como poden ser vesículas e orgánulos.[3]
Estas estruturas poden estar implicadas na comunicación entre células,[4] na transferencia de ácidos nucleicos entre as células dun tecido,[5] e na transmisión de toxinas ou patóxenos como o VIH[6] e prións.[7]
Os nanotubos de membrana foron descritos primeiramente nun artigo da revista científica Cell en 1999, que trataba sobre o desenvolvemento dos discos imaxinais da á da mosca Drosophila melanogaster.[8] Máis recentemente, un artigo da revista científica Science publicado en 2004 describía unhas estruturas que conectaban varios tipos de células inmunes, que tamén estaban presentes en células en cultivo.[9][10] Non son estruturas permanentes; a duración destas estruturas vai desde uns poucos minutos a varias horas,[11] e foron implicadas varias proteínas na súa formación e inhibición.
Estas estruturas funcionalmente teñen certa similitude cos plasmodesmos, que interconectan as células vexetais,[12] e os estrómulos, que interconectan plastos.[13] Unha estrutura parecida chamada citonema permite o intercambio entre centros de sinalización, pero non sempre conectan dúas células e poden actuar só como sensores ambientais.[14]
↑Sowinski S, Jolly C, Berninghausen O; et al. (2008). "Membrane nanotubes physically connect T cells over long distances presenting a novel route for HIV-1 transmission". Nat. Cell Biol.10 (2): 211–9. PMID18193035. doi:10.1038/ncb1682.
↑Gousset K, Schiff E, Langevin C; et al. (2009). "Prions hijack tunnelling nanotubes for intercellular spread". Nat. Cell Biol.11 (3): 328–36. PMID19198598. doi:10.1038/ncb1841.
↑Ramírez-Weber FA, Kornberg TB (1999). "Cytonemes: cellular processes that project to the principal signaling center in Drosophila imaginal discs.". Cell97 (5): 599–607. PMID10367889. doi:10.1016/S0092-8674(00)80771-0.
↑Köhler RH, Cao J, Zipfel WR, Webb WW, Hanson MR (1997). "Exchange of protein molecules through connections between higher plant plastids". Science276: 1039–1042.