Nariz | |
---|---|
Diagrama dun nariz | |
Perfil dun nariz humano | |
Latín | 'Nasus' |
O nariz ( pronunciación (axuda · info)) é unha protuberancia que forma parte do sistema respiratorio nos vertebrados. Trátase dun órgano do olfacto, sendo a entrada do tracto respiratorio. De conformación moi diversa pódese indicar que consta basicamente de dúas bolsas ou cavidades, unha no caso dos ciclóstomos, situadas na parte anterior da cabeza e abertas ao exterior por un número de orificios que oscila entre os dous pares por cavidade, no caso dos peixes e un nos outros vertebrados.[1]
En todos os vertebrados, agás os ciclóstomos e os peixes non crosopterixios, as cavidades nasais comunícanse a través do teito da boca coa farinxe e formas as coanas, o que permite que, ademais de cumprir a función olfactiva, sirvan como vías respiratorias. No interior destas bolsas hai células olfactivas. Nas aves, o nariz está moi pouco desenvolvido. Nos mamíferos está ben desenvolvido, agás nos mariños e nos primates superiores, e, como nos crocodilos, existe un conduto nasofarínxeo que leva o aire por riba do padal secundario até a farinxe.[1]
Nos seres humanos, o nariz está situado centralmente na cara; na maioría dos outros mamíferos atópase na parte superior do fociño. A forma do nariz humano está determinada polo óso etmoide e polo tabique nasal.