Noiteboa

Noiteboa (1904-05), pintura de Carl Larsson.

A Noiteboa é a celebración cristiá do nacemento de Xesús. Celébrase a noite do día 24 de decembro, a véspera do día de Nadal (o día 25 de decembro) onde se mesturan antigas tradicións pagás indoeuropeas do solsticio de inverno.

Os costumes varían duns países a outros, pero é bastante común reunirse para cear toda a familia, e facer agasallos sobre todo, nos países protestantes.

O costume actual en Galiza é unha cea familiar onde se comen mariscos, peixe (principalmente bacallau e pescada) e unha carne no forno (año, capón ou pavo), despois remátase con sobremesas, tradicionalmente figos secos, castañas e noces, hoxe doces importados: turróns, mazapáns, panettones e tortas varias coma o tronco de Nadal. Cántanse panxoliñas acompañadas dunha pandeireta e vieiras. Tradicionalmente acendíase o tizón de Nadal e viña o Apalpador. Hoxe repártense agasallos baixo a árbore de Nadal seguindo as tradicións centroeuropeas de Papá Noel, que en parte substitúe a tradición de Reis que, á súa vez, substituíu o Apalpador propio. Aínda que non é unha noite de troula, algúns mozos si saen hoxe en día.

No eido relixioso, nas igrexas celébrase ás 12 da noite a misa do galo, que debe o nome ao costume de levar un galo, costume documentado xa na Idade Media. Parece estar relacionado co canto do galo que anuncia o día, simbolizando que nesa noite chega a luz que vence o príncipe das tebras, é dicir, o demo. Dentro da celebración festiva desta data, inclúense bromas entre os fieis que asisten á misa, como cose-las saias de dúas mulleres que senten xuntas ou botar tinta na pía da auga bendita.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy