Nomo

Este artigo trata das divisións administrativas do Antigo Exipto. Para os seres fantásticos véxase gnomo.


Un nomo (νομοι, "distrito" en grego) era unha división administrativa no Antigo Exipto. Estas comunidades organizadas e independentes apareceron no período Predinástico (arredor do século XXXII a.C.), agrupados en dous reinos (o do Norte e o do Sur), e por volta de 3200 a.C. foron unificados nun só reino polo faraón Menes. Os nomos tiñan unha capital, un emblema propio, un número, e estaban gobernadas por un nomarca, que actuaba en nome do faraón. No período greco-latino (a partir do século IV) convertéronse en rexións administrativas. O termo demótico era sepat pero, como en case todo o referente ao Antigo Exipto, é a expresión grega a que se transmitiu a Occidente.

O número de nomos e a súa numeración variou moi pouco, entre 38 e 42, durante os tres milenios que durou esta civilización. Algúns, como Xois, no delta do Nilo, ou Khent, no Alto Exipto, xa aparecen na Pedra de Palermo, que data da V dinastía. Outros menciónanse máis tarde, como Bubastis, no Imperio Novo. A numeración iníciase de sur a norte, xa que para os antigos exipcios todo comezaba no sur. Os 22 nomos do Alto Exipto fixáronxe na V dinastía (están gravados no quiosque de Senwosret I en Karnak). O número definitivo de vinte nomos do Baixo Exipto non foi fixado até o Período grecorromano. El Fayum e os oasis non formaban parte do esquema.

O número total de 42 nomos tiña un valor simbólico, xa que este era no número dos xuíces dos mortos. Un escritor cristián do século II, Clemente de Alexandría aseguraba que os exipcios tiñan 42 libros sagrados.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in