Os nucleosomas son as unidades básicas por medio das que se realiza a compactación do ADN nos eucariotas. Constan dun segmento de ADN enrolado arredor dun núcleo de proteínas histonas.[1] Esta estrutura é a miúdo comparada a un fío enrolado nun carrete.[2]
Os nucleosomas forman as unidades repetidas básicas da cromatina eucariótica,[3] que se usan para empaquetar os grandes xenomas eucarióticos no núcleo permitindo ao mesmo tempo un adecuado acceso a el (en células de mamíferos debe empaquetarse aproximadamente unha lonxitude de 2 m de ADN dentro dun núcleo duns 10 µm de diámetro). A cadea de nucleosomas pode pregarse formando unha serie de estruturas de orde progresivamente superior, ata orixinar finalmente os cromosomas; isto compacta o ADN e á vez crea un novo nivel de control regulatorio que asegura a correcta expresión dos xenes. Pénsase que os nucleosomas levan información epixenética herdada en forma de modificacións covalentes no seu núcleo de histonas. Don e Ada Olins [4] e Roger D. Kornberg.[5][6] propuxeron en 1974 a hipótese do nucleosoma para explicar isto.
O núcleo do nucleosoma consta de aproximadamente 147[7] pares de bases de ADN enrolado á esquerda dando 1,67 voltas superhelicoidais arredor do octámero de histonas formado por dúas copias de cada unha das catro histonas: H2A, H2B, H3, e H4.[8] As partículas do núcleo (core) do nucleosoma están conectadas por tramos de "ADN espazador", que pode ter uns 80 pares de bases de longo. Tecnicamente, o nucleosoma defínese como dito núcleo máis unha desas rexións espazadoras de ADN; aínda que a palabra se usa con frecuencia como sinónimo do núcleo ou core.[9]
As histonas de unión (linker) como a H1 e as súas isoformas están implicadas na compactación da cromatina e sitúanse na base do nucleosoma preto dos puntos de entrada e saída do ADN e unidas ás rexións espazadoras do ADN.[10] Os nucleosomas non condensados sen as histonas de unión (H1) semellan vistos ao microscopio electrónico as "doas dun colar de ADN".[11]
A diferenza da maioría das células eucarióticas, as células espermáticas maduras usan en gran medida protaminas para compactar o seu ADN xenómico, moi probablemente para acadar un grao de compactación aínda maior.[12] Nas arqueas atopáronse tamén equivalentes das histonas e unha estrutura da cromatina simplificada,[13] o que proba que os eucariotas non son os únicos organismos que posúen nucleosomas.