O carballo é a árbore símbolo de Galicia, e tamén a máis sagrada de todas, o mesmo que ocorre noutras culturas atlánticas e celtas. Arredor de toda Europa occidental o carballo considérase árbore sagrada: é a árbore por excelencia de Inglaterra, de Alemaña e do País Vasco. Ademais, as carballeiras tiñan unha importante función social, nelas reuníase a xente, celebrábanse festas, feiras e magostos. (Ver artigo: carballo (simbolismo).
Símbolo de forza e pureza, de sombra proveitosa, libran de doenzas contaxiosas (por exemplo rañándose contra del para sandar a sarna ou raña) a quen as padece e posúen numerosas propiedades salutíferas; teñen pois a capacidade de sandar os doentes, especialmente aos cativos, aos que se lles fai pasar a través dunha fenda que as carballas vellas, despois de perder a cerna poden ter no tronco, xa que no seu interior agochan as "pedras do raio", xa que os carballos agochan o raio no seu seo. Outra opción é que o doente pase por entre dúas gallas que fagan forquita ou por dúas partes dunha póla que se fende adrede e se ata despois para ver se liga ou non, que será sinal de que cure ou non cure. Na Bretaña, de xeito semellante á tradición galega dicíase que carballos e aciñeiras tiñan a propiedade de sandar as persoas faltas de saúde que deixaban as roupas penduradas das pólas.
Os carballos, en xeral, curan ademais os meigallos e o arangaño.