Oferta e demanda

O prezo P dun produto está determinado por un equilibrio entre a produción a cada prezo (oferta S) e os desexos dos que teñen poder adquisitivo a cada prezo (demanda D). O gráfico mostra un desprazamento positivo na demanda de D1 a D2, que dá lugar a un aumento no prezo (P) e na cantidade vendida (Q) do produto.

En microeconomía, a lei da oferta e da demanda é un modelo económico que establece os prezos de mercado. Segundo este concepto, nun mercado competitivo, o prezo unitario dun ben concreto varía até se asentar nun punto no que a cantidade demandada polos consumidores (a prezo actual) iguale a cantidade proporcionada polos produtores (tamén a prezo actual). Isto terá como resultado un equilibrio económico entre o prezo e a cantidade. As catro normas básicas que regulan a oferta e a demanda son:

1. Se a demanda aumenta (a curva de demanda desprázase cara á dereita) e a oferta permanece sen cambios, prodúcese unha escaseza de bens que provocará un prezo de equilibrio máis elevado.

2. Se a demanda diminúe (a curva de demanda desprázase cara á esquerda) e a oferta permanece sen cambios, prodúcense excedentes que provocarán un prezo de equilibrio máis baixo.

3. Se a demanda permanece sen cambios e a oferta aumenta (a curva de oferta desprázase cara á dereita), prodúcense excedentes que provocarán un prezo de equilibrio máis baixo.

4. Se a demanda permanece sen cambios e a oferta diminúe (a curva de oferta desprázase cara á esquerda), prodúcese unha escaseza de bens que provocará un prezo de equilibrio máis elevado.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy