Olaf Scholz, nado o 14 de xuño de 1958 en Osnabrück, é un político alemán e membro do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD). É o chanceler federal de Alemaña dende o 8 de decembro de 2021.
Nado na Baixa Saxonia e avogado formado en Hamburgo, foi vicepresidente federal das Xuventudes Socialdemócratas nos anos oitenta. Tamén, foi deputado no Bundestag por primeira vez logo das eleccións federais de 1998.
En 2001 converteuse en senador (ministro) do Interior de Hamburgo, pero volveu ás súas funcións parlamentarias nas eleccións de 2002. Tras elas, Gerhard Schröder converteuno no secretario xeral no SPD, cargo no que se mantivo ata 2004.
Logo das eleccións de 2005, exerceu como secretario xeral do grupo socialdemócrata no Bundestag, e como ministro federal de Traballo en 2007. Mais, cando en 2009 o SPD pasou á opoisición, foi elixido vicepresidente do grupo, primeiro, e logo do partido.
Líder socialdemócrata nas eleccións anticipadas de Hamburgo en 2011, gañou unha sólida maioría absoluta no Bürgerschaft (lexislativo de Hamburgo). Deste xeito, foi investido primeiro alcalde (xefe do executivo) poucas semanas despois. Mantivo o goberno en 2015 despois de formar unha coalición vermello-verde. Deixou de liderar o executivo de Hamburgo en 2018 para converterse en vicechanceler e ministro federal de finanzas da gran coalición de Angela Merkel.
Fracasou en 2019 no seu intento de ser elixido copresidente federal do SPD xunto con Klara Geywitz sendo superado na segunda rolda polo dúo composto por Norbert Walter-Borjans e Saskia Esken. Mais, en agosto de 2020, a dirección do partido designouno, por unanimidade, como candidato á chancelería na perspectiva das eleccións de 2021. Nelas logrou que o SPD fose o primeiro partido en votos e negociou unha coalición de goberno canda os Verdes e os liberais que lle permitiu acadar a Chancelaría.