Organismo aerobio

As bacterias anaeróbicas e aeróbicas poden identificarse pola súa forma de crecemento en tubos de ensaio de caldo de tioglicolato:
1: Aerobio obrigado, que necesita oxíxeno porque non pode fermentar nin respirar anaerobicamente. Xúntanse na parte superior do tubo, onde a concentración de oxíxeno é maior.
2: Anaerobio obrigado, que morre envelenado polo oxíxeno, polo que crecen todos xuntos no fondo do tubo, onde a concentración de oxíxeno é menor.
3: Anaerobio facultativo, que crece con ou sen oxíxeno, porque pode metabolizar enerxía aeróbica ou anaerobicamente. Crecen en maior número na parte superior do tubo porque a respiración aeróbica xera máis ATP que a fermentación ou a respiración anaeróbica, pero algúns crecen tamén no resto do tubo.
4: Microaerófilo, que necesita pequenas cantidades de oxíxeno porque non pode fermentar ou respirar anaerobicamente, pero que morre envelenado en altas concentracións de oxíxeno. Crecen na zona superior do tubo pero non na parte máis superior.
5: Aerotolerante, que non require oxíxeno, xa que ten un metabolismo enerxético anaerobio, pero non morre envelenado se está en presenza de oxíxeno. Crecen en todo o tubo.

Un organismo aerobio ou aerobio é un organismo que necesita oxíxeno para sobrevivir, xa que o utiliza como aceptor de electróns no seu metabolismo enerxético.[1] A diferenza deles, os organismos anaerobios son os que non requiren oxíxeno para crecer, e algúns deles mesmo se ven prexudicados ou morren en presenza de oxíxeno.[2] Todos os aerobios poden vivir en ambientes con oxíxeno, xa que poderán obter enerxía e están protexidos encimaticamente dos efectos nocivos oxidantes de derivados do oxíxeno que se poden formar, pero algúns anaerobios aerotolerantes tamén poden vivir en presenza de oxíxeno aínda que non o usen. A capacidade de realizar a respiración aerobia ten grandes vantaxes para os aerobios, xa que é un proceso metabólico con maior rendemento enerxético que procesos anaerobios como a respiración anaerobia ou a fermentación.[3] En xullo de 2020, biólogos mariños informaron que se atoparon microorganismos (principalmente) aerobios en "animación case suspendida" en sedimentos pobres en materia orgánica, que tiñan ata 101,5 millóns de anos de antigüidade, a 76 m de profundidade baixo o fondo do mar no Xiro do Pacífico Sur ("a zona con menos vida do océano"), os cales poderían ser os seres vivos de vida máis longa nunca atopados.[4][5]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aerobio.
  2. Hentges DJ (1996). "17: Anaerobes:General Characteristics". En Baron S. Medical Microbiology (4 ed.). Galveston, Texas: University of Texas Medical Branch at Galveston. PMID 21413255. Consultado o 24 July 2016. 
  3. Metals, Microbes, and Minerals - The Biogeochemical Side of Life. Kroneck, Peter, Sosa Torres, Martha, Walter de Gruyter GmbH & Co. KG (1. Auflage ed.). Berlin. ISBN 978-3-11-058890-3. OCLC 1201187551. 
  4. Wu, Katherine J. (28 July 2020). "These Microbes May Have Survived 100 Million Years Beneath the Seafloor - Rescued from their cold, cramped and nutrient-poor homes, the bacteria awoke in the lab and grew.". Consultado o 31 July 2020. 
  5. Morono, Yuki; et al. (28 July 2020). "Aerobic microbial life persists in oxic marine sediment as old as 101.5 million years". Nature Communications 11 (3626): 3626. Bibcode:2020NatCo..11.3626M. PMC 7387439. PMID 32724059. doi:10.1038/s41467-020-17330-1. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy