Ornitorrinco Ornithorhynchus anatinus Rango fósil: mioceno - actualidade | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
Ornithorhynchus anatinus (Shaw, 1799) | |||||||||||||||||||||||||||||
Distribución do ornitorrinco
(vermello — nativo, amarelo — introducido) |
O ornitorrinco (Ornithorhynchus anatinus), do grego: ornitho, ave + rhynchus, bico; e do latín: anati, pato + inus, semellante a: "con bico de ave, semellante a pato") é un mamífero semi-acuático endémico da parte leste de Australia e a illa de Tasmania.
É o único representante vivo da familia dos ornitorrínquidos e a única especie do xénero Ornithorhynchus.
É un dos catro representantes, xunto coas equidnas, da arcaica orde dos monotremas, os únicos mamíferos que poñen ovos no canto de dar á luz crías vivas, a especie é monotípica. É o animal emblema do estado de Nova Gales do Sur.[2]
O ornitorrinco ten costumes crepusculares e/ou nocturnos. Carnívoro, aliméntase de insectos, vermes e crustáceos de auga doce. Posúe diversas adaptacións para a vida en ríos e lagoas, entre elas as membranas interdixitais, máis prominentes nas patas dianteiras. É un animal ovíparo, cuxa femia pon arredor de dous ovos, que incuba durante aproximadamente dez días nun niño especialmente construído. Os monotremados recentemente eclodidos presentan un dente similar ao das aves (un carúnculo), utilizado na apertura da casca; os adultos non posúen dentes. A femia non ten mamas e o leite é directamente lambido dos poros e sulco abdominais. Os machos teñen esporóns velenosos nas patas, que son empregados principalmente para a defensa territorial e contra os depredadores.
A estraña aparencia deste mamífero desconcertou os científicos cando se descubriu (mesmo se considerou unha falsificación dun taxidermista). O ornitorrinco é un símbolo de Australia, foi a mascota de varios eventos nacionais, e aparece no reverso da moeda australiana de 20 centavos. Recentes investigacións están a secuenciar o xenoma do ornitorrinco e investigadores xa descubriron varios xenes que son compartidos tanto con réptiles como coas aves. Pero preto dun 82% dos seus xenes son compartidos con outras especies de mamíferos xa secuenciadas, como o can, as ratas e o home.
Ata o principio do século XX cazábase pola súa pel, pero actualmente está protexido. O seu estado de conservación é pouco preocupante. Aínda que os programas de cría en catividade tiveron un éxito limitado e o ornitorrinco é moi vulnerable á contaminación, non corre un risco inmediato.