Os osteoblastos (do grego "óso" e "xerme" ou "embrionario") son as células encargadas da formación do óso, que se poden considerar como fibroblastos especializados que ademais dos produtos fibroblásticos, expresan sialoproteínas óseas e osteocalcina.[1]
Os osteoblastos producen a matriz extracelular do tecido óseo (osteoide), que está composta principalmente de coláxeno de tipo I. Os osteoblastos son tamén responsables da mineralización desta matriz. O cinc, o cobre e o sodio son algúns dos ións minerais que se requiren neste proceso. O óso é un tecido dinámico que está constantemente sendo remodelado polos osteoblastos, encargados da produción da matriz e a parte mineral do tecido, e polos osteoclastos, que destrúen parte do tecido durante a remodelación. Os osteoblastos tenden a decrecer en número coa idade, o que afecta ao balance entre a formación e a reabsorción do tecido óseo.[2]