Ovella

Unha ovella[1] (Ovis aries)[2] é un mamífero cuadrúpede ungulado doméstico, usado como gando. Como todos os ruminantes, as ovellas son artiodáctilos, ou animais con pezuños. O macho desta especie chámase carneiro[3] e xeralmente presenta cornos longos e en espiral (nalgunhas razas a femia tamén os posúe). A pesar de que o termo «ovella» aplícase a moitas especies do xénero Ovis, polo xeral fai referencia á subespecie doméstica de Ovis orientalis.

Posiblemente descendan do muflón salvaxe de Europa e Asia, e foron un dos primeiros animais en ser domesticados para fins agrícolas, criadas principalmente pola súa la, carne e leite. A la de ovella é a fibra animal máis utilizada e polo xeral recóllese mediante esquila. A súa carne recibe o nome de carne de cordeiro cando é dun animal novo e de ovino maior ou carneiro cando provén de animais de máis dun ano.[4]

A cría de ovellas practícase en case todo o mundo e foi fundamental para moitas civilizacións. En 2014 a FAO reflectía a existencia de máis de 1200 millóns de cabezas en todo o mundo, coa China como maior produtor, con máis de 200 millóns (un 16,7 % do total), seguida por Australia con 72 e a India con 63 millóns de cabezas.[5] Tamén se crían como organismo modelo para a investigación científica.

Como animal clave na historia da gandería, as ovellas están profundamente arraigadas na cultura humana e aparecen representadas tanto na linguaxe moderna como na simboloxía. Como gando, asócianse xeralmente con imaxes pastoriles e arcadianas. Aparecen en moitos mitos —como o do vélaro de ouro— e nas grandes relixións, especialmente nas abrahámicas. Tanto nos ritos relixiosos antigos como nos modernos, utilizáronse como animais de sacrificio.

Existen máis de 200 tipos de ovellas no mundo, en hábitats tan diversos como desertos e altas montañas.

  1. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome drag-ovella
  2. "Opinion 2027 (Case 3010). Usage of 17 specific names based on wild species which are pre-dated by or contemporary with those based on domestic animals (Lepidoptera, Osteichthyes, Mammalia): conserved" (PDF). Bulletin of Zoological Nomenclature (International Commission on Zoological Nomenclature) 60 (1): 81–84. 2003. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carneiro.
  4. "Denominaciones comerciales de la carne del ovino". alimentación.es. Ministerio Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente de España. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2015. Consultado o 25 de xullo de 2016. 
  5. "Producción ganadera". FAOSTAT. Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura. 2014. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2016. Consultado o 15 de agosto de 2016. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in