A oxitocina[1] (do grego ὀξύς oxis, 'rápido', e τόκος tokos, 'nacemento') é unha hormona peptídica[2][3][4] relacionada cos patróns sexuais e a conduta maternal e paternal, que actúa tamén como neurotransmisor no cerebro. Nas mulleres, a oxitocina libérase en grandes cantidades tras a distensión do cérvix uterino e a vaxina durante o parto, e mais en resposta á estimulación da mamila pola succión do bebé, facilitando o parto e a lactación. Durante o parto e a lactación actúa sobre o músculo liso.
Recentes estudos investigaron o papel da oxitocina no sistema nervioso e comportamento, como no orgasmo, recoñecemento social, emparellamento, ansiedade, e comportamentos maternais.[5] Por esta razón, ás veces denomínase "hormona do amor". A incapacidade de secretar oxitocina pode asociarse á falta de empatía, sociopatía, psicopatía ou narcisismo.[6]