A parede celular é unha capa ríxida situada por fóra da membrana plasmática nas células de plantas, algas, fungos, bacterias e arqueas. Protexe o contido da célula, dá rixidez á estrutura celular, funciona como mediadora en todas as relacións da célula co seu contorno e actúa como compartimento celular. Ademais, no caso de fungos e plantas, define a estrutura e outorga soporte aos tecidos.
A parede celular constrúese de diversos materiais dependendo da clase de organismo. Nas plantas, a parede celular componse sobre todo dun polímero de carbohidrato denominado celulosa, un polisacárido, e pode actuar tamén como almacén de carbohidratos para a célula. Os fungos presentan paredes celulares de quitina, outro polisacárido, e as algas teñen tipicamente paredes construídas con polisacáridos e glicoproteínas. Non obstante, algunhas especies de algas poden presentar unha parede celular de composición inorgánica silícica (diatomeas) ou carbonatada (Dasycladales). A miúdo aparecen outras moléculas accesorias integradas na parede celular. Nas bacterias, a parede celular componse de peptidoglicano. Entre as arqueas atopamos paredes celulares con distintas composicións químicas, incluíndo capas S de glicoproteínas, pseudopeptidoglicano ou polisacáridos.