Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Partido Comunista Italiano | |
---|---|
Partito Comunista Italiano | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Presidentes Lista
Secretario Xeral Lista
|
Mocidades | Federación Xuvenil Comunista Italiana |
Filiación internacional | Internacional III Internacional (1921-1943) Kominform (1947-1956) Europea Grupo Comunista (COM) |
Historia | |
Fundación | 21 de xaneiro de 1921 (como PCd'I) 15 de maio de 1943 (como PCI) |
Disolución | 3 de febreiro de 1991 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Comunismo Socialismo democrático Eurocomunismo Internacionalismo |
Posición política | Esquerda |
Representación | |
Deputados | 227 / 630 |
Senadores | 116 / 315 |
Europarlamentarios | 27 / 81 |
Outros datos | |
Sede | Rúa de Botteghe Oscure número 4, Roma, Italia |
Publicación | L'Unità |
O Partido Comunista Italiano (PCI) foi un importante partido político de Italia no século XX, situado na esquerda política. Naceu en xaneiro de 1921, en Livorno, como Partido Comunista de Italia (PCd'I, sección italiana da III Internacional) da man principalmente de Amadeo Bordiga e Antonio Gramsci, mediante unha escisión á esquerda do Partido Socialista Italiano no XVII Congreso socialista.
Só catro anos despois da súa fundación, en 1925, foi ilegalizado polo réxime fascista de Benito Mussolini e, durante case dúas décadas, pasou á clandestinidade e os seus militantes foron perseguidos. Ademais, sufriu desencontros coa Internacional Comunista nas décadas de 1920 e 1930. En xullo de 1943, coa caída do goberno de Mussolini, é refundado, esta vez baixo o nome de Partido Comunista Italiano (PCI). Durante a Segunda Guerra Mundial, centos de miles de militantes comunistas combaterían nas filas da resistencia italiana contra a República Social Italiana e a Alemaña nazi.[1] Tras a guerra, o PCI xurdiu como o maior partido do país, con máis de dous millóns de afiliados e un gran prestixio. O seu líder, Palmiro Togliatti, puxo en funcionamento unha política de cooperación co resto de partidos democráticos, o que lle permitiu ter grande influencia na creación das institucións da nova república.
Tras participar con varios ministros no goberno italiano, foi expulsado deste en 1947 para facilitar que Italia ingresase no bloque prol estadounidense e anos máis tarde na OTAN. Desde entón e até a súa disolución, ao longo de catro décadas, foi o segundo partido máis votado en Italia e, aínda que sempre estivo na oposición a nivel nacional, era o partido máis votado en moitas zonas do norte e centro de Italia. Fiel aos postulados soviéticos até ben entrada a década de 1970, a partir de entón pasaría a defender, dentro do comunismo, o chamado eurocomunismo, do mesmo xeito que outros partidos comunistas en Occidente, como o francés ou o español.[2] Até a década de 1960 foi o maior partido comunista de Occidente, ata que, tras a violenta desarticulación do Partido Comunista de Indonesia, se converteu no maior partido comunista do mundo capitalista.
Electoralmente, os seus apoios oscilaron entre un cuarto e un terzo do electorado, a pesar da presión e o desprestixio ao que foi sometido pola dereita italiana e a OTAN a través da operación Gladio.[3] En 1984 ocorrerían dous eventos históricos na historia do partido: o funeral de Enrico Berlinguer, que sacou ás rúas de Roma a máis dun millón de persoas nunha das maiores demostracións de forza do movemento comunista italiano.[4] Días despois, as eleccións ao Parlamento Europeo de 1984, cando, nunhas eleccións históricas, o Partido Comunista Italiano foi o partido máis votado en Italia, recibindo preto de 12 millóns de votos e converténdose no segundo partido comunista en Europa en gañar unhas eleccións plurais e democráticas. Dous anos despois da caída do bloque socialista, autodisolveuse no seu XX Congreso. Os seus partidos sucesores foron o Partido Democrático da Esquerda, socialdemócrata, e o Partido da Refundación Comunista, comunista.