O parto humano, tamén chamado peristallo ou nacemento, é a culminación do embarazo humano, o período de saída do meniño do útero materno.
É considerado por moitos como o inicio da vida da persoa, e a idade dun individuo defínese por este suceso en moitas culturas.
Considérase que unha muller inicia o parto coa aparición de contraccións uterinas regulares, que aumentan en intensidade e frecuencia, acompañadas de cambios fisiolóxicos no colo uterino.[1]
O proceso do parto humano natural categorízase en tres fases: o borramento e dilatación do colo uterino, o descenso e nacemento do neno e o alumeamento ou expulsión da placenta.
Nalgúns embarazos cualificados como de risco elevado para a nai ou o feto, o nacemento ocorre por unha cesárea, que é a extracción do neno a través dunha incisión cirúrxica no abdome, en vez do parto vaxinal.
Na maioría dos casos o parto é un proceso natural que a muller desenvolve con ou sen apoio doutras mulleres experimentadas, entre as que se encontran as chamadas, comadroas ou parteiras, ou por profesionais da área da saúde como as matronas. A participación de médicos especialistas en obstetricia adoita facerse cando aparece algunha complicación do embarazo ou do parto (xa sexa cesárea ou o uso de fórceps).