Pau Gasol Sáez, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1980, é un xogador catalán de baloncesto. Dende 2021 xoga no FC Barcelona da Liga ACB.
Foi o segundo español en xogar na NBA despois de Fernando Martín, sendo escollido polos Atlanta Hawks no Draft da NBA de 2001, e os seus dereitos vendidos á recentemente trasladada franquía dos Memphis Grizzlies, antigamente en Vancouver, onde gañou o premio ao Rookie do Ano da NBA. Actualmente posúe os maiores rexistros da franquía de Memphis en partidos xogados, minutos xogados, tiros de campo feitos e anotados, tiros libres feitos e anotados, rebotes totais, defensivos e ofensivos, tapóns, roubos e puntos. Despois de sete anos nesa franquía, foi traspasado en 2008 aos Los Angeles Lakers, onde xogou ata 2014, pasando logo por Chicago Bulls, San Antonio Spurs e Milwaukee Bucks antes de volver en 2021 ao FC Barcelona, o equipo no que debutara como profesional 22 anos atrás.
O seu irmán Marc Gasol é tamén xogador profesional de baloncesto e actualmente forma parte do equipo de Los Angeles Lakers da NBA.