Peixes

Peixes
Rango fósil: Cámbrico - Actualidade

Mero xigante no Aquarium de Xeorxia

Peixe león vermello
Peixe león vermello

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
(sen clasif.): Craniata
Superclase: Pisces
clases

Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu.[1][2] Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.

Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.

  1. Goldman, K.J. (1997). "Regulation of body temperature in the white shark, Carcharodon carcharias". Journal of Comparative Physiology. B Biochemical Systemic and Environmental Physiology 167 (6): 423–429. doi:10.1007/s003600050092. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2012. Consultado o 12 de outubro de 2011. 
  2. Carey, F.G.; Lawson, K.D. (1.). "Temperature regulation in free-swimming bluefin tuna". Comparative Biochemistry and Physiology Part A: Physiology 44 (2): 375–392. doi:10.1016/0300-9629(73)90490-8. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy